sábado, abril 19, 2025
InicioNewsO PaísA Xunta e a UVIGO únense para controlar o nivel do polen

A Xunta e a UVIGO únense para controlar o nivel do polen

A Xunta de Galicia e a Universidade de Vigo colaboran no control do pole do aire para manter informada á poboación e anticipar a resposta sanitaria. A tal efecto, o conselleiro de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño, e o reitor da Universidade de Vigo, Manuel Reigosa, asinaron un convenio de colaboración entre ambas as institucións. A sinatura do convenio contou, así mesmo, coa presenza da delegada territorial da Xunta, Ana Ortiz, e da directora xeral de Saúde Pública, Carmen Durán.

Convenio

Tal e como incidiu o conselleiro, esta colaboración entre a Universidade de Vigo e a Consellería de Sanidade, iniciada en 2016, refórzase ata decembro de 2028 por medio dun investimento de 174.000 euros, como recolle o convenio agora asinado.

Gómez Caamaño puxo en valor a cooperación entre o seu departamento e a Universidade de Vigo a través da Rede Galega de Aerobioloxía, ferramenta estratéxica para a vixilancia da saúde ambiental. 

Grazas a esta rede, «Galicia dispón de medios para avaliar con precisión a situación do aire e xestionar mellor os riscos asociados, facilitando, deste xeito, a tarefa de protexer a saúde da cidadanía«, segundo explican desde a administración autonómica.

Tamén referiu o conselleiro que, en virtude desta colaboración, a Universidade de Vigo será a encargada de recoller, trasladar e analizar semanalmente as mostras das catro estacións activas que están en Santiago de Compostela, Lugo, Ourense e Vigo. Ao tratarse das poboacións que teñen un maior contido alerxénico, posibilítase tomar mostras cuxos datos son extrapolables a outros territorios.

Seguimento

O obxectivo desta colaboración é identificar e cuantificar os principais tipos de pole con capacidade alergóxena facendo posible un seguimento continuo da súa evolución ao longo do ano. Eses datos recollidos son remitidos á Dirección Xeral de Saúde Pública, que os valora en termos de saúde, ofrecendo información de utilidade para profesionais e poboación a través da páxina web da Consellería de Sanidade.

Gómez Caamaño puxo en valor que esta colaboración cobra máis relevancia como consecuencia do cambio climático, para manter informada ás persoas sobre os factores que afectan ao seu benestar diario, así como para avanzar no estudo da evolución da presenza de pole na atmosfera, factor determinante da saúde ambiental.

Para concluír a súa intervención, o conselleiro de Sanidade agradeceu á Universidade de Vigo a súa colaboración á hora de unirse ao obxectivo de velar pola saúde da cidadanía galega desde o estudo e o coñecemento.

مقالات ذات صلة

OUTRAS NOVAS