O conselleiro de Educación, Román Rodríguez, insistiu na necesidade dunha proba da Avaliación do Bacharelato para o Acceso á Universidade (EBAU) «única ou tremendamente uniforme» en toda España, en lugar de 17 probas distintas, unha para cada comunidade e con diferentes niveis de dificultade.
Rodríguez considera que o sistema actual é «inxusto» e xera «desigualdade» porque cada comunidade realiza estes exames de maneira diferente, pero despois o acceso á universidade é o mesmo. Existen dezasete camiños distintos, un por cada comunidade autónoma, para acceder á «porta única de entrada» ás universidades, algo que «rompe coa igualdade de oportunidades, segundo manifestou nunhas declaracións durante a súa visita esta mañá ao colexio Paradai en Lugo.
Por iso, Rodríguez reclamou tanto á ministra de Educación, Pilar Alegría, como ao de Universidades, Joan Subirats, unificar as probas EBAU «para que un mozo de Lugo sexa igual que uno de Xaén ou de Tarragona» á hora de acceder a unha universidade. Ao seu xuízo hai niveis de esixencia «diferentes» en cada proba EBAU, polo que Galicia, que está «no top de resultados educativos» en valoracións como os informes Pisa, despois queda por baixo doutras comunidades que «teñen notas máis altas» nestas probas de acceso á universidade.
O conselleiro galego puntualizou que non se trata de reducir a calidade nin a esixencia «en ningún caso», senón de que haxa unha maior uniformidade para que o sistema «sexa igual para todos». Segundo Rodríguez, outras comunidades como Castela e León tamén teñen unha reivindicación similar e á parte de reclamalo a través de iniciativas parlamentarias e reunións ministeriais «desde hai moito tempo», el mesmo comentouno directamente a Alegría e Subirats e non tivo resposta negativa, pero «hai que facelo», insistiu, e destacou que quen ten competencia é o Goberno