O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, informou de que o Consello «aprobou declarar proxecto de interese autonómico á Factoría do Deporte Galego-Galicia Sports 360 que o Real Club Celta de Vigo está a desenvolver no concello de Mos». Unha decisión que se toma porque «é unha iniciativa que transcende o ámbito municipal» pola súa repercusión económica, social e cultural.
Esta declaración é un procedemento regulado na Lei 1/2021, do 8 de xaneiro, de Ordenación do Territorio de Galicia. Cómpre lembrar que en decembro de 2023 recibiuse o informe ambiental estratéxico (IAE) da Dirección Xeral de Calidade Ambiental, Sostibilidade e Cambio Climático da Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático, no que se conclúe non someter ao procedemento de avaliación ambiental estratéxica común o proxecto, ao considerar que non se producirán efectos significativos no ambiente.
O título I da Lei 1/2021, do 8 de xaneiro, de ordenación do territorio de Galicia indica que os proxectos de interese autonómico, que se configuran como instrumentos de intervención directa na ordenación da comunidade, que teñen por obxecto planificar e proxectar a execución inmediata de actuacións que transcenden o ámbito municipal pola súa incidencia territorial, económica, social ou cultural, a súa magnitude ou as súas singulares características que as fagan portadoras dun interese supramunicipal cualificado, que non teñan previsión nin adecuación no planeamento urbanístico. Neste caso, seguíronse todos os trámites fixados nesta norma para a aprobación do proxecto de interese autonómico da Factoría do Deporte Galego-Galicia Sports 360.
Axilizar trámites
A declaración permitirá «axilizar os trámites e a execución das actuacións que sexan necesarias», indicou Rueda, quen explicou que este proxecto busca converter Galicia «nun referente internacional da formación, investigación e industria do deporte» e que se trata dun ámbito «que está a vivir un dos seus mellores momentos e que é un dos embaixadores da marca Galicia».
O futuro complexo deportivo contará con tres agrupacións de infraestruturas: a Cidade Deportiva Afouteza, o Centro Integral para a Capacitación da Industria do Deporte e a área de servizos. Deste xeito, tanto polo ámbito deportivo competitivo como pola súa vertente económica e de desenvolvemento, este proxecto que transcende o ámbito municipal, defende a idea do deporte como unha actividade de interese público que coadxuva ao crecemento e á cohesión social, á igualdade de xénero, a mellorar o benestar da cidadanía, fortalecendo o carácter transversal do sistema deportivo galego.
Tres infraesctructuras clave
A Cidade Deportiva Afouteza consiste nun conxunto integrado de edificacións e instalacións ao servizo do deporte coa finalidade de dotalo da infraestrutura necesaria tanto para as esixencias «da preparación de alto rendemento» e seguimento dos deportistas das categorías de fútbol profesional do club como para a promoción, fomento e «formación das novas xeracións de deportistas«.
Paralelamente, o proxecto conta tamén conta cunha importante presenza das vertentes educativa, de innovación e de desenvolvemento do sistema deportivo, e principalmente centrados no Centro Integral para a Capacitación da Industria do Deporte que será un centro dinamizador e modernizador do seu tecido empresarial que sexa un referente non só na Comunidade autónoma ou no noroeste peninsular, senón no ámbito nacional e internacional, e un investimento estratéxico para o seu futuro. Rueda explicou que contará «cun centro de formación, un centro de alto rendemento médico orientado á rehabilitación deportiva», un centro demostrador da tecnoloxía para presentar produtos e «un centro tecnolóxico de innovación» do deporte con espazo para startups e lugares de reunión e traballo, así como un centro de eventos e conferencias cun auditorio con capacidade para 500 persoas.
O proxecto complétase coa área de Servizos, destinado a complementar a oferta de actividades e servizos deportivos con instalacións cubertas para a práctica de distintas actividades deportivas complementarias ás da Cidade Deportiva Afouteza para o lecer e actividades comerciais e profesionais relacionadas co deporte e a saúde.
En definitiva, o proxecto de interese autonómico converterá a Factoría do Deporte Gallego -Galicia Sports 360 nunha iniciativa cun interese supramunicipal cualificado que vai máis aló do ámbito deportivo. Conta coa capacidade para ser un complexo necesario que fortaleza a industria do deporte en Galicia e promova o seu desenvolvemento. A modernización do tecido empresarial galego posibilitará que o proxecto sexa un referente a nivel nacional e internacional, así como un investimento estratéxico para o futuro. Preténdese así, a creación dunha sede dun nodo de tecnoloxía do deporte a semellanza doutros xa implantados en Europa, do que actualmente carece Galicia.