sábado, abril 19, 2025
InicioNewsActualidadeConferencias, experimentos e mercado de segunda man para celebrar a Semana da...

Conferencias, experimentos e mercado de segunda man para celebrar a Semana da Ciencia no IES de Salvaterra

O IES de Salvaterra de Miño vén a celebrar esta semana, do 7 ao 11 de abril, a Semana da Ciencia, unha semana adicada a esta disciplina a través de conferencias, actividades lúdicas e educativas e promoción da ciencia e da reciclaxe como instrumento de avance na sociedade.

Os obxectivos desta actividade son «fomentar a cultura científica, traballar a expresión oral e a comunicación así como motivar ao alumnado, promover a sostibilidade e dar visibilidade á ciencia, entre outros moitos» aseguran dende o centro educativo.

Durante as cinco xornadas, o patio do centro educativo convértese nunha feira de exposicións onde os rapaces e rapazas poden visitar e aprender a través de experimentos sobre cianotipia, a acidificación dos océanos ou a potabilización da auga, entre outros. Ademais, é o propio alumnado o encargado de realizar os experimentos. Tamén hai un posto cunha impresora 3D en funcionamento que traballa con bioplástico.

A maiores, ofrécense obradoiros e conferencias de entidades como a Universidade de Vigo, Seganosa, Xaruma, EFA A Cancela ou Ponteazero.

Ademais, dende o centro promoven tamén un mercadiño de roupa de segunda man co fin de fomentar a sostibilidade. Así, o alumnado que desexe participar, pode levar roupa en bo estado que non use, e cambiala por outra que alí atope.

Por último, o centro acolle tamén exposicións variadas, pequenos teatros sobre sostibilidade e un xogo de palas creadas con materiais sostibles.

مقالات ذات صلة

OUTRAS NOVAS