A alcaldesa de Salceda de Caselas, Loli Castiñeira, e o arquitecto municipal, Rubén Martín Vázquez, veñen de manter unha xuntanza coa conselleira de Vivenda, María Martínez Allegue, e a delegada territorial da Xunta en Vigo, Ana Ortiz. Na xuntanza, a alcaldesa explicoulles ás representantes da Xunta as diferentes iniciativas nas que se está a traballar dende o Concello para intentar aumentar o parque de vivenda.
O Concello de Salceda conta cunha área de 1.060 metros cadrados para destinar a vivenda protexida. A intención do equipo de goberno é «poder facilitar o acceso á vivenda para a xuventude, ofrecéndolle a parcela á Xunta para que sexa o ente autonómico o que poida construír vivenda protexida«.
A alcaldesa e o arquitecto municipal expuxeron tamén o proceso de rehabilitación e remate de varios edificios no Concello de Salceda de Caselas, para o cal o equipo técnico está xa rematando o prego de cláusulas administrativas que regulará o procedemento e que conlevará a obriga de rematar as edificacións inacabadas no casco urbano. Este proceso é fundamental para rematar co feísmo urbanístico e coas queixas veciñais por situacións de insalubridade, pero tamén para aumentar o parque de vivenda en Salceda, que a día de hoxe non é suficiente para satisfacer a demanda actual.
Loli Castiñeira quixo agradecer «á conselleira o recibimento» e agarda «que a reunión dea bos froitos». “Salceda precisa vivenda pública, e imos realizar as xestións necesarias con diferentes administracións para conseguilo” aseguraba a rexedora local.
Concello e Xunta acordaron buscar vías de colaboración en materia de vivenda, emprazándose a traballar de xeito conxunto nas iniciativas que sexa posible na busca da mellor solución ante a escaseza de vivenda que existe nestes momentos en Salceda.