O alcalde da Cañiza, Luís Piña, visitou o lugar de Gundián en Petán no que recentemente se investiron 110.909,65€ para a construción do saneamento, instalación dunha depuradora biolóxica e asfaltado de 518 metros de pista municipal.
Segundo explicou o alcalde Luís Piña, «o investimento da execución material destas obras ascendeu a 73.629,55€ aos que houbo que engadir o 13% de gastos xerais e o 6% de beneficio industrial. A estas cantidades tamén se sumou o 21% de ive, os costes de redación de obra e coordinación de seguridade e saúde». A execución da obra foi adxudicada á empresa Construcciones Vale, S.L.
A obra «vén a dar resposta a unha reivindicación veciñal histórica«, segundo aseguran dende o goberno local. A execución consistiu na dotación de rede de alcantarillado para as vivendas de O Carballal e As Ameixeiras, con instalación de tubería de saneamento, cambios de dirección, conexións a outros colectores e conexións con acometidas domiciliarias e instalación de pozos de rexistro.
A actuación foi executada en dous tramos e un pequeno ramal para a recollida de augas fecais de todas as vivendas. En total, foron instalados 20 pozos de rexistro nos puntos necesarios do novo colector e 10 acometidas domiciliarias con tubaxe de PVC de 200 mm.
Na cota máis baixa da contorna, instalouse un sistema de depuración biolóxica por filtración ao terreo para 25 habitantes que tamén conta coa autorización de vertido correspondente. Esta obra consistiu na dotación de arqueta con reixa de desbaste, un decantador dixestor, leito bacteriano e a arqueta de rexistro final, por onde sae a auga depurada. Incluíuse tamén un pozo filtrante despois da arqueta de rexistro, debido a que en períodos estivais, o regato ten un caudal escaso.
Despois das obras de alcantarillado, o concello tamén executou as obras de asfaltado das pistas municipais do Gundián nun tramo de 518 metros de lonxitude, aproveitando a obra para ampliar o ancho das cunetas de 0.80 cm a 1,00 m.