lunes, abril 7, 2025
InicioNewsActualidadeMáis de 550 inscricións para 'Talento Xove' en Ponteareas

Máis de 550 inscricións para ‘Talento Xove’ en Ponteareas

O Concello de Ponteareas pechou a inscrición do Talento Xove 2025 con máis de 550 mozas e mozos rexistrados, 200 persoas máis que na primeira edición. Estes datos avalan unha vez máis «o éxito deste concurso e a necesidade da xuventude de contar cunha plataforma que visibilice o seu talento», aseguran dende o goberno local.

O concelleiro de Xuventude, Cristian Montes, quere agredecer a todas as persoas inscritas a confianza depositada, “estamos moi agradecidos pola boa acollida da segunda edición. Sei que depositan a súa ilusión na organización deste concurso que asumimos con responsabilidade e moitas ganas”.

O concelleiro adianta xa as principais datas do concurso que contará con finais en directo nas modalidades de cociña, danza, música e dj´s. Deste xeito as datas serían as seguintes: para a modalidade de cociña a final sería o 25 de abril; a final de danza será o sábado 10 de maio, a de dj´s o venres 16 de maio e a de música o sábado 24 de maio.

O resto das disciplinas serán expostas en Artistea dende o luns día 5 de maio e estará aberta ao público ata o día da entrega de premios fixada para o sábado día 31 de maio. Ao igual que o ano pasado a cidadanía poderá votar tanto nas finais en directo como nas modalidades recollidas na exposición que se inaugura o día 5 de maio.

Este ano o Concello organizou ao longo dos últimos meses talleres preparatorios de deseño de xoiais, fotografía, danza, novela e poesía e dj´s “para que a xuventude que quixo mellorar a súa formación e técnica puidera facelo sen ter que desprazarse fóra da vila.

Nesta edición, ademais das disciplinas de poesía, novela, artes plásticas, cómic, cociña, fotografía, música, arte urbano, danza moderna e moda, o Concello sumou as disciplinas de monólogo, deseño de xoias e dj´s.

مقالات ذات صلة

OUTRAS NOVAS