O alumnado traballador do obradoiro de Carpintería foi o encargado de elaborar a primeira destas casiñas que permitirán aos animais das colonias controladas resgardarse da choiva e do frío.
O Concello do Porriño instalará casetas para gatos en diferentes espazos da vila para dotar estas zonas de mellores condicións para os felinos das colonias que se están a controlar.
Ademais, os participantes do obradoiro veñen de rematar máis dunha ducia de bancos de madeira que se instalarán en diferentes puntos do municipio.
O alcalde, Alejandro Lorenzo, achegouse ás instalacións onde se desenvolve o obradoiro de emprego en Torneiros para coñecer o seu traballo e agradecerlles a súa contribución. O rexedor recordou que “a colocación destas casetas súmase á aposta do noso Concello polo benestar animal e co control ético da poboación felina en liberdade”.