miércoles, abril 2, 2025
InicioConcellos +A CañizaO novo aparcamento da Cañiza, máis preto de ser unha realidade

O novo aparcamento da Cañiza, máis preto de ser unha realidade

O Concello da Cañiza finaliza os trámites municipais para recalificar os terreos que permitirán construír un aparcamento de 160 prazas na zona do Regueiro.

Así, na sesión plenaria que se celebrará o venres 28 de marzo, o goberno local prevé aprobar provisionalmente o Plan Especial de Infraestruturas e Dotacións (PEID) que permitirá a construcción do novo aparcadoiro.

Do mesmo xeito, o goberno local tamén anunciou que tras esta aprobación provisional, o seguinte trámite será o traslado do expediente á Dirección Xeral de Urbanismo da Xunta de Galicia, para a súa aprobación definitiva.

Concretamente, o proxecto consiste na expropiación e recuperación paisaxística dun novo lugar denominado «Chan de Lourido», unha zona arborada de máis de 9.000 metros cadrados no lugar de Regueiro, na subida que conduce á Casa da Cultura.

A finalidade da actuación é, segundo asegura o alcalde, Luís Piña, «dar resposta ás necesidades da veciñanza e dos visitantes de dotar o núcleo urbano dun espazo máis amplo para aparcamento, sen comprometer outras actuacións de desenvolvemento urbanístico como será a urbanización e humanización da Rúa do Regueiro».

O Concello leva traballando dende o ano 2022 co fin de realizar a expropiación destes terreos e obter as autorizacións sectoriais. Tras anos de modificacións e adecuación á normativa que pasou pola modificación do PXOM e a creación do PEID, o novo aparcadoiro da Cañiza está máis preto de ser unha realidade.

Así, tras a aprobación na sesión plenaria deste último PEID, e a aprobación definitiva da Dirección Xeral de Urbanismo da Xunta de Galicia, o concello poderá comezar coa busca de financiación para poder executar a obra.

En que consiste o proxecto?

O proxecto de construción contempla crear unha zona de aparcamento entre vexetación autóctona, articulada en catro plataformas que discorren na parcela salvando os desniveis, coa circulación dos vehículos e dos peóns entre as zonas verdes.

Ademais, contará con accesos dende as rúas Álvaro Cunqueiro e Regueiro, con 160 prazas integradas nun espazo natural no que se estima a plantación de 200 árbores autóctonas, nun conxunto de superficies drenante, de fácil mantemento e durabilidade.

مقالات ذات صلة

OUTRAS NOVAS