Representantes do Xeodestino reuníronse este luns con Nava Castro para trasladar o borrador dun plan comedido con propostas que contan cun marcado carácter gastronómico
O Xeodestino Ría de Vigo e Baixo Miño segue traballando para presentar antes do 17 de maio a súa candidatura ao Plan de Sostibilidade Turística en Destino (PSTD), un instrumento financiado a través de fondos europeos Next Generation cos que dar pulo á transformación do territorio baseándose nun produto turístico sustentable.
Nese camiño, o representante institucional do Xeodestino, o alcalde de Nigrán, Juan A. González; a presidenta da Asociación de Desenvolvemento Galicia Suroeste Eu Rural e rexedora de Tomiño, Sandra González; e a alcaldesa de Mos e o rexedor do Porriño, Nidia Arévalo e Alejandro Lorenzo, presentaron este luns á directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, o seu borrador de PSTD, no que os 14 concellos do Xeodestino levan traballando de xeito conxunto “e investindo un grande esforzo para contar coa opinión tanto do sector público como das empresas nun proceso participativo fundamental para axustar as iniciativas á realidade do noso territorio”, como salientou o rexedor nigranés.
Neste encontro no Pazo de Mos, o Xeodestino achegou a Turismo de Galicia un plan comedido, cun orzamento de 2,5 millóns de euros “axustado ao número de concellos e á poboación total do territorio que recolle accións coherentes coa estratexia do propio xeodestino e dan continuidade á traxectoria iniciada xa en 2019”. Sendo un dos xeodestinos máis turísticos de Galicia, o borrador presentado a Turismo de Galicia contempla unha candidatura complementaria aos Plans de Sostibilidade Turística en Destino aprobados o ano pasado para os concellos de Baiona e Oia con propostas dun marcado carácter gastronómico que vertebrarán as accións para un xeodestino tan heteroxéneo como o da Ría de Vigo e Baixo Miño.
Juan A. González destacou “o gran potencial que ten o xeodestino no campo da enogastronomía, xa que contamos con zonas produtoras de gran relevancia, como pode ser o Baixo Miño, unha das despensas hortofrutícolas de Galicia; con dúas subzonas da DO Rías Baixas e con numerosas festas gastronómicas de interese turístico”.
O Xeodestino afronta a candidatura cun plan que recolle o coñecemento e experiencia da propia entidade que lidera o PSTD, a Asociación de Desenvolvemento Galicia Suroeste Eu Rural, con gran coñecemento do tecido empresarial e de toda a cadea de valor enogastronómica, dende produtores a restaurantes, e que ten impulsado actividades de carácter gastronómico