Hai data para a investidura de Alfonso Rueda, vicepresidente da Xunta en funcións, como presidente de Galicia. Será a sesión de investidura o sábado, 14 de maio. O debate para o seu nomeamento no Parlamento de Galicia comezará xa o 10 de maio.
O candidato a presidencia da Xunta, Alfonso Rueda:
Rueda aceptou este luns a encarga de someter a súa candidatura ao debate de investidura no Parlamento para relevar a Alberto Núñez Feijóo á fronte do Executivo galego, unha vez que este renunciou o pasado venres.
Despois de reunirse co presidente do Parlamento, Miguel Santalices, quen lle comunicou a proposta oficial da súa candidatura por parte do PPdeG, Rueda expresou o seu «profundo agradecemento», asegurou que é «a maior honra», e comprometeuse a ser «o presidente de todos os galegos e galegas» se resulta elixido.
Alfonso Rueda apuntou que para o novo goberno galego tentará «coller todo o bo» e, ao mesmo tempo, «transmitir novas ideas» nese discurso de investidura.
Rueda puntualizou que «continuidade non é continuísmo». Especificou que cando se fala de «continuidade» á fronte da Xunta tras a marcha de Núñez Feijóo iso «non é continuísmo», xa que hai «moitas cousas que seguir e conservar», pero tamén «moitísimas cousas novas por facer».
Miguel Santalices realizou unha rolda de consultas e citou hoxe os portavoces dos tres grupos con representación no Hórreo para propoñer candidato.
Prazos
A toma de posesión de Rueda será o sábado 14 de maio. A maioría absoluta de 42 deputados que teñen os populares disipa calquera dúbida sobre a remuda.
A sesión de investidura arrincará o 10 de maio co discurso do candidato proposto polo Partido Popular. 48 horas despois retomarase coa intervención dos portavoces dos grupos parlamentarios.
Tras o debate, nesa mesma xornada, producirase a votación, en que o candidato deberá recibir o apoio da maioría absoluta da Cámara. Nesta votación participará o propio Alberto Núñez Feijóo antes de abandonar a súa acta como deputado do Parlamento de Galicia.
Na xornada posterior, o xefe do Lexislativo comunicará ao rei o nome do próximo presidente da Xunta, que tomará posesión nunha sesión solemne o vindeiro sábado 14 de maio.