A clásica reuniu a atletas chegados de toda a xeografía galega na súa edición máis ecolóxica e solidaria.
O Porriño segue a ser a capital do running e así o demostrou onte domingo coa volta dunha das clásicas tanto do circuíto galego como do nacional, “O Porriño 10K”.
A proba, organizada polo Concello do Porriño e o Atletismo Porriño, foi presentada polo alcalde, Alejandro Lorenzo, a presidenta do club Atletismo Porriño, Patricia Estévez, e o tesoureiro e coordinador da proba, Pablo Soto.
A 10K porriñesa é unha experiencia que todos os amantes do running deben probar e, nesta edición, ademais vén cargada de solidariedade e responsabilidade ambiental. E é que, tal e como explicou a presidenta do club “queriamos innovar un pouco e contribuír a un mundo máis sostible e por iso acordamos non facer a publicidade en papel e utilizar no seu lugar as redes sociais. Canto menos papel impreso mellor”.
Estévez, quixo agradecer a súa contribución “a todos os participantes, colaboradores e patrocinadores, aos pais e nais que traen aos seus nenos e, especialmente, aos voluntarios e voluntarias do Atletismo Porriño que se implicaron na organización da proba”.
Pola súa banda, o coordinador da 10K, Pablo Soto, estendeu o agradecemento “ao Concello do Porriño por todas as facilidades que deu na organización da carreira dende o primeiro momento, en especial a Abel, concelleiro de Deportes, e Alejandro, e tamén a Outlet Sport, onde o sábado será a entrega de dorsais , e ao resto de patrocinadores “.
Soto, concluía no acto de presentación animando a todos os participantes a contribuír cos que máis o necesitan “entregando alimentos non perecedoiros ao recoller o dorsal”. Unha axuda que a organización poñerá a disposición do banco municipal de alimentos, SOS Porriño.
O alcalde, Alejandro Lorenzo, agradeceu ao Atletismo a “ilusión e ganas que poñen na organización da proba, que permite que de novo desfrutemos dun evento tan especial como a 10K, que demostra unha vez máis que somos o Concello do Deporte. E o somos, sen dúbida, grazas aos nosos clubs deportivos”.
A partir das 10.00 horas iniciáronse as carreiras das categorías de menores, comezando polos Benxamíns, seguidos dos Alevíns e dos Infantís e Cadetes. A continuación foi a carreira na súa modalidade absoluta –de 5 e 10 quilómetros- na que se inscribiron 1.400 atletas chegados de toda a xeografía galega, que probaron a mellorar a súa marca persoal no circuíto porriñés.
O broche final á proba puxérono os runners máis pequenos: a categoría chupetes (nados a partir do 2018) e os pitufos (nados dende 2015 a 2017)