martes, noviembre 26, 2024
InicioComarcasLouriñaMos acolle o XXVI Campionato Galego de Natación Adaptada

Mos acolle o XXVI Campionato Galego de Natación Adaptada

70 nadadores de 3 categorías e 9 clubs participan este mércores na Piscina Municipal do Pavillón Óscar Pereiro

A Piscina Municipal do Pavillón Óscar Pereiro está a ser esta mañá escenario do XXVI Campionato Galego de Natación Adaptada.
Trátase dun evento deportivo organizado pola Federación Galega de Deporte Adaptado co apoio da Xunta de Galicia, Deporte Galego e o Concello de Mos.
Desde a organización comentan que nesta 26 edición do campionato a participación é inferior que antes da pandemia da COVID-19 (cando podían chegar ata 200 participantes), sen embargo, contan cun número total de nadadores inscritos de 70, unha cifra nada desprezable.
Trátanse de nadadores e nadadoras de idades comprendidas entre os 14 e máis de 50 anos e con diferentes discapacidades intelectuais. As categorías de participación no campionato divídense en 3, dependendo do grao de discapacidade: competición, que se rexe polas mesmas normas que o deporte convencional; adaptada, na que se adaptan lixeiramente as normas á condición dos nadadores e xogo, para os deportistas con maior dificultade, que dispoñen de máis licenzas ou permisividade na competición.
Os participantes son na súa maioría das categorías adaptada e xogo, e forman parte de 9 clubs: Aceesca, Asdan, Aspanaex, Disfunga, EVD Galicia, Juan XXIII, Méndez Núñez, Saiar e Club Natación Ponteareas. As mosenses Escravas da Virxe Dolorosa participan con 3 nadadoras.

Deporte adaptado
A importancia do deporte adaptado radica en promover obxectivos como a auto-superación, mellora da auto-confianza, empregar sanamente o tempo libre e o lecer, promover o deporte como estilo de vida e establecer o deporte como medio de integración, ao tempo que se melloran as calidades perceptivo-motoras dos deportistas que o practican, que ademais adquiren e perfeccionan as súas capacidades condicionais e coordinativas.
O deporte adaptado mellora as funcións físicas, motoras, sensoriais, psicolóxico-persoais, sociais, de integración, de comunicación e mentais. Ten funcións recreativas que facilitan as relacións sociais e o protagonismo como medio de afirmación persoal. Competitivas: un gran reto, os deportistas séntense admirados, aumentando así a súa autoestima e eliminando os sentimentos de marxinación. E de integración social a través das relacións coa comunidade.
Tamén o deporte e a actividade física pode desenvolver un sentimento de liberdade para as persoas con capacidades diversas e permitir unha manifestación de infinidade de emocións que necesitan mostrar tales como: a ira, a confusión, a angustia, a desilusión ou a frustración entre outras, así como o medo ou a alegría de enfrontarse a novas situacións por experimentar.

مقالات ذات صلة

OUTRAS NOVAS