miércoles, noviembre 27, 2024
InicioComarcasBaixo MiñoAprazado por choiva o concerto da Banda de Gaitas de Paramos en...

Aprazado por choiva o concerto da Banda de Gaitas de Paramos en Tui

Pasarrúas, concertos, verbenas, deporte, un espectáculo piromusical, e a procesión de San Telmo forman parte da programación prevista.

O concerto que a Banda de Gaitas San Xoán de Paramos, que recentemente participou no desfile do Día de San Patricio en Nova York, debido á previsión de choiva para mañá á noite foi aprazado.  Tanto dende o Concello coma dende a Banda de Gaitas apóstase por facer un concerto ao aire libre, polo que se anunciará proximamente a nova data e emprazamento no que terá lugar.

Con todo,a música estará moi presente tamén esta fin de semana nas rúas tudenses coa actuación da banda de gaitas Arume de Malvas (sábado ás 13 h), e as charangas A Tu Ritmo (sábado ás 12 h e ás 20 h e luns ás 17 h) e Cantos Somos (domingo ás 20 h. Pero chegan tamén os espectáculos de rúa “Super Pandi” de Hípica Celta ( sábado ás 17 e ás 19 h); “Circo Krasnovarak” (domingo ás 17 e ás 19h) e “Rufina&Benito” (luns ás 17 e ás 19 h) de Troula Animación. 

As orquestras Capitol (sábado) e Los Players (domingo) amenizarán as verbenas na rúa Compostela, onde foi instalada unha carpa. E o luns será Paris Noia, no recito feiral, a encargada da verbena do día grande das festas. 

Carreira, andaina e Feira Cabalar entre a oferta deportiva

Preto de 650 persoas de todas as idades van participar mañá sábado, dende ás 11 h na Carreira Popular e Solidaria de San Telmo organizada polo Club Atletismo Tui en colaboración do concello. A liña de saída e de meta estará situada no Paseo da Corredoira entorno ao que estará o circuíto das distintas categorías que irá dende o 5 quilómetros para a carreira absoluta aos 100 metros para os pitufos. 

Mentres o domingo ás 10 h sairá da praza da Inmaculada a Andaina de San Telmo guiada polo club Andatui Rego da Pedra para realizar un percorrido de 7 quilómetros por un tramo do Camiño Portugués, e as parroquias de Rebordáns e Pazos de Reis regresando ao punto de partida. 

A Feira Cabalar da este ano un importante salto cualitativo tanto por ampliar a súa duración a dúas xornadas, domingo e luns, coma por incrementar a superficie do recinto no barrio de San Bartolomeu, coma polas atractivas actividades previstas nas que destaca o espectáculo internacional a cargo de Miron Bococi con doma en liberdade, acrobacias e doma vaqueira (domingo ás 18.30 h e o luns ás 13 h). Amais celebrarase o I Concurso de Salto Memorial Luís Pimentel (luns ás 13.30 h), concurso exhibición de enganche (domingo ás 16 h), haberá partidos de baloncesto a cabalo (domingo ás 11 h), poni club, e premios para o mellor xinete, amazona, cabalo, poni,… sen esquecer a feira de compra venda de gando cabalar dende primeira hora do luns. Un evento que durante a fin de semana reunirá a miles de persoas afeccionadas ao cabalo. Xunto co concello participan na organización a Asociación Cultural San Roque e San Bartolomeu, Hípica Marcos, Equigalia e a Peña Cabalar Val do Louro

Recuperación da misa medieval de San Telmo

A misa medieval de San Telmo volverá a soar esta fin de semana cunha viaxe musical ao medievo da man do grupo Seconda Pratica e nunha iniciativa promovida dende o Festival Música no Claustro. O aforo na Catedral está limitado a 300 persoas e non se poderá nin entrar nin saír unha vez comezado o concerto ás 17.30 h. 

Xa o luns ás 10.30 h terá lugar a misa na honra a San Telmo na Catedral coa procesión pola coronilla, e ás 21 h sairá a solemne procesión de San Telmo.

 

مقالات ذات صلة

OUTRAS NOVAS