A conselleira de Política Social e Igualdade, Fabiola García, trasladou hoxe o seu rexeitamento ao acordo bilateral do Goberno central con Cataluña para delegar as competencias en materia migratoria a esta comunidade. Fíxoo tras participar por videoconferencia na XIII Conferencia Sectorial da Inmigración, xunto co director xeral de Inclusión Social, Arturo Parrado.
Na súa quenda de palabra, Fabiola García sinalou que esta delegación de competencias xera desigualdades entre Comunidades Autónomas. Ademais, criticou que o Goberno central non facilitara máis información sobre este acordo, que se incorporou a última hora na orde do día e que non foi tratado previamente na reunión preparatoria da Conferencia, segundo indican desde a administración autonómica.
A conselleira lamentou que, unha vez máis, «as Comunidades Autónomas teñan que coñecer pola prensa as medidas que impulsa o Goberno central en temas tan sensibles como é, neste caso, a acollida a persoas migrantes».