Despois de que deixaran os seus lugares na corporación municipal o ex-alcalde Xosé Manuel Rodríguez e a ex-Concelleira de Servizos Sociais, Pilar González, rexistran a aceptación das súas actas dúas mozas integrantes da candidatura do BNG nas eleccións municipais do 2023. Trátase de Rocío Barreiro, química e veciña de Santiago de Ribarteme, que xa fora Concelleira no goberno entre 2019 e 2023; e de Alba Casas, artista multidisciplinar e investigadora cultural, veciña das Neves e que ocupará por primeira vez un lugar na corporación municipal, según explican desde a fronte nacionalista do municipio.
Os nacionalistas das Neves indican que «o relevo que se produce vén dunha fonda reflexión que levou a organización local a formular a proposta dunha renovación xeracional, que dea comezo a un proxecto que manteña a esencia do BNG pero con novas visións e perspectivas. Con miradas novas, que acheguen novas ideas ao proxecto que comezara no 1995, hai 30 anos, cando o BNG obtivo por primeira vez representación institucional».
Na súa mensaxe de despedida, pronunciada no pleno do pasado 11 de marzo, Xosé Manuel Rodríguez dixo «sentirse orgulloso de ser e vivir nas Neves e de ter sido alcalde; podendo desenvolver ideas e proxectos transformadores coma o #ViveNasNeves» e «engadiu que seguirá traballando no proxecto do BNG e que é un privilexio ter persoas novas que veñen con ganas e farán continuar o que hai 30 anos iniciaron outras co mesmo amor polas Neves». Pola súa banda, Pilar González agradeceu a «entrega a todas as persoas coas que traballou nos anos nos que foi Concelleira de Servizos Sociais e lembrou que non marcha a ningures, segue facendo a súa vida nas Neves e seguirá botando unha man ás compañeiras e compañeiros do BNG».
As novas concelleiras declaran «comezar con ganas de aportar coñecementos, ideas e traballo ao proxecto ambicioso do BNG nas Neves. Din ser conscientes do que supón ter a responsabilidade de manter o legado herdado e facelo aínda maior, para recuperar a confianza da veciñanza que en 2015 levou o BNG á alcaldía».
Ademais, o grupo municipal do BNG das Neves tamén vai mudar a portavocía, que trala renuncia de Xosé Manuel Rodríguez, pasa a ser asumida por Óscar González, quen foi concelleiro e tenente de alcalde entre 2015 e 2023.
A responsable local, Raquel Barreiro, comunica que o BNG da localidade vai celebrar un acto de convivencia para dar comezo a esta nova etapa, que se desenvolverá arredor dunha cea que queren compartir coas persoas amigas e simpatizantes o vindeiro 12 de abril ás 21:00 h no Hotel Nande de Rubiós.