A organización Cultural Quinta do Piñeiro ven de anunciar unha gran novidade para a festa da Sementeira e Musica. Así, a XVII Sementeira e Música contará cun día máis de foliada que as edicións anteriores.
A nova edición dará comezo o venres 9 de maio coa participación de escolares da vila así como integrantes da asociación ADAPTA que visitarán a Área Recreativa de Muíño da Ponte para facer unha representación da labranza cos bois, entre outras actividades destinadas para eles.
Ata o lugar desprazarase o alumnado do Colexio Rural Agrupado A Lagoa, que imparte ensinanzas de educación infantil e que está formado por sete escolas unitarias de Salvaterra de Miño.
Por outra banda, ADAPTA é unha asociación de persoas con discapacidade que aúne as comarcas do Condado e Paradanta, que ten como finalidade conseguir a inclusión destas persoas en todos os ámbitos da sociedade.
De seguido, o sábado 10 e o domingo 11 terá lugar a tradicional festa, da que xa se coñecen ata dez confirmacións musicais que son: Dakidarría, Varacuncas, A Banda da Loba, La Duendeneta, Son das Tabernas, Terapia de Grupo, Storrentos, Fanfarría Furruxa, Catuxa Salom e As Lucernas.
Ademáis, a festa presenta outra novidade importante este ano para o colectivo de persoas xordas, pois, o pregón contará tamén cunha persoa intérprete de Lingua de Signos.