Tui acollerá este domingo un paseo literario por diversos lugares da cidade vinculados á figura e traxectoria do bispo e poeta tudense Manuel Lago González, enmarcado nos actos de conmemoración do centenario do seu falecemento.
A actividade dará comezo ás 11:30h na Oficina Municipal de Turismo situada no Paseo da Corredoira. Os participantes visitarán o seminario Conciliar, o Teatro Principal, a sede da redacción do xornal “La Integridad”, a Casa do Concello ou a catedral de Santa María.
A concelleira de Cultura, Sonsoles Vicente Solla, explica que esta actividade pretende «rescatar os lugares de memoria de Manuel Lago, como un xeito de achegarse ao coñecemento da súa vida e traxectoria». Este é o obxectivo último do ciclo de actividades que estes días organiza o Concello tudense para lembrar a súa figura ao cumprirse os cen anos do seu falecemento, o 18 de marzo de 1925 cando era arcebispo de Santiago de Compostela.
Estas xornadas continuaran o luns 17 de marzo, ás 19 h, no Espazo sociocultural da rúa Camilo José Cela, cunha mesa redonda sobre Manuel Lago González que contará coa intervención de Avelino Bouzón Gallego, arquiveiro catedral de Tui; José Manuel García Iglesias, profesor da USC e Marga do Val, escritora e profesora.
Finalmente o martes 18 de marzo, ás 19 h, na data do centenario do seu falecemento, rematará este ciclo cunha conferencia sobre traxectoria de Manuel Lago González por Marta Cendón Fernández, profesora de Universidade de Santiago de Compostela. Será no Espazo rúa Camilo José Cela.
