O goberno local de Redondela súmase á recente denuncia da asociación cultural Alén Nós, na que se alertaba do deterioro que presenta o conxunto escultórico sobre Julio Verne situado na praia de Cesantes, fronte á illa de San Simón. A alcaldesa de Redondela, Digna Rivas, recorda que fai tres anos o Concello solicitou á Consellería de Cultura a reparación das pezas, mais non tivo resposta.
A escultura do Capitán Nemo, en homenaxe á novela «Veinte mil lenguas de viaje submarino» do célebre escritor francés, foi realizada en 2004 polos artistas Ramón Lastra e Sergio Portela e instalada neste lugar pola Xunta de Galicia.
Sen embargo, a falta de mantemento ao longo dos últimos anos provou case a destrucción dun dos buzos da base e a excesiva acumulación de moluscos poñen en risco o resto de esculturas.
A obra foi obxecto dunha restauración a comezos do ano 2012 debido ao mal estado no que se atopaba a base de pedra que sustenta a Nemo. Rivas explica que foi a Fundación Illa de San Simón quen procedeu á súa rehabilitación. Despois, a finais do ano 2012, a Xunta suprimiu tal fundación e dende entón xestiona a Illa directamente dende a Consellería de Cultura. O goberno local asegura que, debido a isto, «hai máis dunha década que as pezas presentan un gran deterioro que vai en aumento co paso do tempo».
En marzo de 2022, dende o Concello solicitouse á Consellería de Cultura a reparación das pezas do conxunto escultórico. Sen embargo, non recibiron resposta ningunha. Agora, a administración local insiste de novo formalmente ante a Xunta para que se faga cargo da restauración.
Do mesmo xeito, a rexedora redondelá insiste en que Redondela debe integrarse «canto antes» na Fundación Museo do Mar de Galicia, órgano do que depende a illa dende 2022. A rexedora tamén incidiu na necesidade de recuperar a Fundación Illa de San Simón.