A Entidade Urbanística de Conservación de A Granxa, a Asociación de Empresrias das Gándaras, a Asociación Empresarial de Areas e a Cámara Oficial de Comercio de Tui remarcan a necesidade da gratuidade da AP-9 no tramo Vigo-Tui.
As entidades advirten que a eliminación das peaxes da autopista neste área industrial clave para Galicia melloraría a seguridade «de forma inmediata» na A-55, e sería unha medida moi beneficiosa tanto para cidadáns como traballadores e empresas da área metropolitana de Vigo.
Neste sentido, solicitan ao Ministerio de Transportes e Mobilidade Sostible que mentres non se elimine a peaxe, se reduza de forma considerable o importe do mesmo para que as distintas conexións entre Vigo e Tui se poidan efectuar empregando unhas infraestruturas adecuadas e seguras.
Afirman así que «neste tramo, a A-55 está colapsada e a AP-9 infrautilizada o que dificulta así as comunicacións entre a cidade olívica e a fronteira con Portugal». Ademais, aseguran que esta área aglutina a decenas de miles de traballadores e empresas, sendo a zona de actividade económica que máis aporta ao PIB da comunidade autónoma.
«O único que sufrimos nos parques empresariais da Louriña e o Baixo Miño, nestes últimos anos respecto á AP-9 Vigo-Tui, foron incrementos nas peaxes que contribúen a prolongar a súa infrautilización» lamentan Entidade, Asociacións Empresarias e Cámara, quen engaden que «convén analizar en profundidade a conveniencia de aboar o rescate da infraestrutura nun tramo que é clave para a competitividade da industria galega«.
Ao mesmo tempo, ditas entidades tamén creen necesaria a implementación doutras solucións complementarias, como a proxección de novas infraestruturas que contribúan a mellorar a situación de mobilidade na zona a longo prazo.