“Hoxe homenaxeamos aos dezaseis bombeiros que forman parte do parque municipal de bombeiros con motivo do día do seu patrón. Un acto que nace para quedarse e coa intención de pór en valor o traballo diario destes profesionais”, así o explicou o 1º tenente de alcaldesa e concelleiro de Seguridade Cidadá, Juan Carlos González, na benvida do acto celebrado no salón de plenos o sábado 8 de marzo, Día de San Xoán de Deus, patrón dos bombeiros.
O parque de Ponteareas atende as emerxencias dos concellos do Condado-Paradanta, colabora con actividades de formación en emerxencias nos centros educativos e no bo desenvolvemento de eventos organizados polo Concello.
En continua formación, os profesionais do parque de bombeiros de Ponteareas liderados polo seu xefe, Roberto Castro, asisten ao longo do ano a cursos para manterse actualizados e prestar un servizo máis efectivo e áxil. Esta formación servíulles no último mes para socorrer, xunto a dous compañeiros da Policía Local e unha enfermeira voluntaria, ao seu compañeiro Antonio durante unha intervención dun lume nunha vivenda do centro urbano.
Nesta primeira celebración institucional do día dos bombeiros a alcaldesa, Nava Castro, e o tenente de alcaldesa quixeron salientar e recoñecer o traballo destes dous Policías Locais, dos dous Bombeiros e da enfermeira voluntaria que salvaron a vida de Antonio practicando unha RCP.
“Reunímonos aquí para render homenaxe a quen, co seu esforzo diario, a súa valentía e a súa entrega inquebrantable, garanten a nosa seguridade e benestar. Os bombeiros sodes un piar fundamental da nosa comunidade”, sinalou a alcaldesa.
Pola súa banda González Carrera lembrou que o parque de bombeiros e Ponteareas é dos poucos de titularidade municipal sendo os demais comarcais e adiantou que seguirán apostando por melloras e apoios para este servizo “indispensable non só para Ponteareas tamén para o resto dos concellos do Condado Paradanta e incluso para moitos máis xa que cando é preciso asisten e axudan máis aló do seu territorio como así ten sucedido en distintos incendios e mesmo coa DANA desprazándose a Valencia para contribuír nas labores de limpeza”.
O Concello reafirma que é a súa intención celebrar un acto institucional de recoñecemento cada ano coincidindo co día do seu patrón.