Case 200 escolares de todos os centros educativos do Porriño participarán nos vindeiros días na coñecida como ‘Semana Branca‘. A actividade consiste nunha viaxe de tres días á estación de esquí de San Isidro, na provincia de León.
Están organizadas tres saídas, a primeira delas partiu este 10 de marzo, con alumnado, acompañado de docentes, dos colexios Antonio Palacios e Budiño; a segunda será o día 12, cando partirán estudantes do CEIP Fernández López e do Ribeira e, por último, o alumnado de Atios, Hermanos Quiroga e Santo Tomás irase o luns seguinte, 17 de marzo. 55 persoas integran o primeiro grupo, 60 o segundo e 69 om terceiro.
A iniciativa está organizada pola Asociación Xornadas Brancas en colaboración co Concello do Porriño. A institución local realiza unha achega de 20.000 euros a través da sinatura dun convenio con este colectivo constituído por tódolos centros de Educación Primaria do municipio.
O alcalde Alejandro Lorenzo explica que estas excursións á neve realízanse cun dobre obxectivo, “por unha parte a práctica do esquí, aprendendo nocións básicas desta modalidade deportiva, combinando con xogos multideporte na neve como trineos, xogos tradicionais ou de grupo e por outra banda, e non menos importante, a convivencia entre compañeiros, traballando a responsabilidade, a independencia e o respeto”.
Na mesma liña, a concelleira de Educación, Carolina González, destaca as cualidades de actividades como esta, “enriquecedoras, que aportan boas experiencias e un bo recordo”.