Salceda de Caselas acollerá a XVI Xornadas da Camelia os días 15 e 16 de marzo. Durante a fin de semana, os centos de visitantes que se acheguen á vila poderán gozar dos diferentes traballos que as persoas participantes levan a cabo con esta flor.
A mostra contará con arredor de 70 expositores e expositoras ao longo das principais salas e corredores do edificio consistorial e o auditorio municipal, con diferentes variedades de camelia.
As camelias chegarán dende diferentes lugares de Galicia e do país veciño, Portugal, dándolle así un carácter internacional ás xornadas.
A apertura ao público terá lugar o sábado 15 de marzo tras o acto inaugural no auditorio municipal, a cargo do grupo XERACIÓN M. Ademais, a mostra contará, como é habitual, coma Estación Fitopatolóxica do Areeiro, que formará parte como organización especializada no cultivo e no estudo das diferentes potencialidades da camelia.
«Nas xornadas da camelia cada vez gaña máis peso a participación local, con numerosas veciñas e veciños expoñendo as súas flores nun evento que xa ten consolidado o seu carácter internacional e que se ten convertido no referente deste tipo de mostras” aseguraba a alcaldesa de Salceda de Caselas, Loli Castiñeira.