jueves, marzo 6, 2025
InicioNewsConcellos +A Escola Infantil de Budiño será unha realidade neste 2025

A Escola Infantil de Budiño será unha realidade neste 2025

Se fai unhas semanas o Concello do Porriño anunciaba o inicio das obras de rehabilitación e ampliación da antiga Escola Unitaria de Pontellas para a creación dunha nova escola infantil municipal, agora é a quenda doutro proxecto paralelo de igual finalidade, o da construción do edificio que albergará outra escola infantil no municipio para crianzas de 0 a 3 anos, nesta ocasión na parroquia de Budiño.

As novas instalacións emprazaranse concretamente nunha parcela do polígono PPI7, en San Salvador de Budiño, de 3.460 metros cadrados. A obra de execución foi adxudicada cun orzamento total de 906.093,98 euros e, ao igual que no caso de Pontellas, aquí o Concello porriñés tamén conta cunha achega de 408.233,10 euros por parte da Consellería de Política Social a través do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia NextGenerationEU.

O importe restante da obra, 496.795,66 euros, financiarase cunha subvención da Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes con cargo ao Fondo de Cooperación Local. “Estamos ante dous novos e grandes proxectos que veñen a dar resposta a unha demanda que cada vez vai máis en aumento na nosa vila e dende o Concello temos que ofrecer os servizos que nos solicita a veciñanza”, explica o alcalde Alejandro Lorenzo. “Con esta actuación crearemos, antes de que remate este ano 2025, 132 prazas públicas de educación infantil de 0 a 3 anos, pasando de contar con dous centros da rede Galiña Azul a catro. Duplicarase a oferta co obxectivo de axudar ás familias na conciliación da vida persoal e laboral”, remarca o rexedor.

No caso desta nova escola en Budiño, ao igual que a de Pontellas, albergará ata 66 prazas. Ámbalas dúas sitúanse en zonas rurais, ao contrario das xa existentes que se localizan nas áreas máis poboadas, o centro urbano e a parroquia de Torneiros. Ademais esta de nova construción está nun dos polígonos industriais do municipio, a onde acoden a diario centos de persoas a traballar.

A edificación organízase en dúas superficies lonxitudinais ocupando unha superficie de 527 metros cadrados. Haberá, entre outras estancias, cinco aulas, sala multiusos, cociña e cinco zonas de patio, dúas delas exteriores. 

A nova escola localizarase nunha área na que se combina o industrial co natural, así entre esta e a última nave prevese, segundo se recolle no proxecto, “plantar un bosque que funciona como colchón entre industria e equipamento”. Esta zona prevese como parque público que se conecta por un dos laterais con outra zona verde xa existente habilitada tamén como parque público.

Deste xeito, “a proposta propón unha tipoloxía de edificación que ten un marcado carácter industrial pero que, á súa vez, pola súa escala e conexión co espazo exterior, manifesta unha imaxe ambigua que, dende o punto de vista simbólico, responde ao carácter tamén ambiguo do emprazamento. Un espazo de transición entre dous mundos”, como se indica no proxecto.


مقالات ذات صلة

OUTRAS NOVAS