Coincidirá co Congreso do PP de Madrid. Será finalmente a fin de semana do 21 e 22 de maio cando o PPdeG elixirá ao seu novo líder, Alfonso Rueda, que se presentará como única candidatura (salvo sorpresas). Antes será elixido novo presidente da Xunta. Tamén o mes vindeiro.
Ata o 28 de abril calquera afiliado do PPdeG con 90 avais pode presentar a súa candidatura para dirixir o partido pero non parece que vaia acontecer. Os catro presidentes provinciais apoian a Rueda como sucesor de Feijóo, primeiro na Xunta e logo á cabeza do partido.
A xunta directiva do PPdeG acordou este luns por unanimidade a convocatoria do décimo oitavo congreso do partido os días 21 e 22 de maio no recinto feiral de Pontevedra. Esa fin de semana elixirase o sucesor de Feijóo.
Alfonso Rueda, actual vicepresidente da Xunta e líder do partido en Pontevedra, tomará o poder orgánico dos populares galegos, despois de recibir ao longo das últimas semanas o apoio expreso do resto de baróns provinciais.
Este congreso celebrarase a mesma fin de semana que está previsto o conclave do PP de Madrid, partido que dirixe agora unha xestora.
Alberto Núñez Feijóo pediu na reunión da xunta directiva do PPdeG na tarde deste luns «unidade e pluralidade» para conseguir a maioría absoluta por quinta vez.
Deu tamén a benvida «a unha nova etapa» do partido en Galicia e agradeceu a xenerosidade de quen deu un paso ao lado.
Rueda polo de agora non fai declaracións como candidato único e limítase a amosarse satisfeito pola posta en marcha do congreso como proceso para elexir ao sucesor de Feijóo.