jueves, marzo 6, 2025
InicioNewsConcellos +Ponteareas activa a campaña do 8 M

Ponteareas activa a campaña do 8 M

O Concello de Ponteareas activa diferentes accións para reivindicar o Día Internacional da Muller, o 8M, que veñen a reforzar as iniciativas permanentes como o punto violeta virtual, un espazo na web do Concello con toda a información do punto violeta accesible os 365 días do ano as 24 horas do día. Neste espazo web as persoas poden atopar toda a información de interese así como os teléfonos de apoio. A este espazo web tamén se pode acceder a través dun código QR que a cidadanía atopará en carteis e pegatinas distribuídos por espazos públicos do centro urbano e das parroquias así como por locais de lecer nocturno e establecementos. 

A concelleira de Benestar Social, Raquel Plana, informa que o venres día 7 procederase á lectura do manifesto e dos microrrelataos gañadores ás 18:00 horas nas escaleiras do Casa do Concello e convida á cidadanía a participar tanto neste acto como na presentación do Punto Violeta Virtual que terá lugar o día 11 de marzo ás 18:00 horas acompañados de membros da Garda Civil, Policía Local, xestores dos locais nocturnos e dirección dos centros educativos para “que chegue a máis persoas e porque a igualdade é cousa de todas e de todos”. 

O Concello repartirá en espazos públicos de alta visibilidade e tránsito de persoas cartelería e pegatinas con códigos QR de acceso aos recursos de apoio. Tamén estará aloxada na web do Concello toda a información e accións específcas do 8M así como do Punto Violeta Virtual. Dentro da programación do 8M o Concello organizou o concurso de microrrelatos feministas para maiores de idade e tamén na categoría infantil e xuvenil en colaboración cos centros educativos. Este concurso persegue a reflexión sobre a igualdade de xénero a través da escrita creativa, promovendo valores de equidade, respecto e xustiza social mediante a literatura breve.

Tamén lanzou a campaña “Mulleres do presente e do futuro” que visibiliza a mulleres destacadas nos eidos da investigación, do deporte ou da comunicación, entre outros sectores. Protagonizan esta campaña Elena García Armada, enxeñeira industrial experta en innovación ao servizo da inclusión; Esther Estévez Casado, xornalista e presentadora; María Sora e Sara Faro do dúo musical Fillas de Cassandra; Ledicia Costas Álvarez, escritora e tradutora galega; Lucía Freitas, chef Estrela Michelin; Sara García Alonso, bióloga molecular e candidata a astronauta e Susana Rodríguez Gacio, paratriatleta e médica. Todas elas representan a superación sen límites en diferentes eidos, no deporte, na ciencia, nas letras, nas artes ou na comunicación, explica a concelleira de Benestar Social, Raquel Plana, “porque a través desta campaña queremos amosar unha vez máis que as mulleres están presentes no día a día, nas pequenas e nas grandes cousas, que son indispensables para os grandes retos mundiais e porque podemos chegar aló onde nos propoñamos”.

Raquel Plana convida a formar a ser parte activa para a consecución dunha sociedade en igualdade e a difundir non só esta campaña senón a contribuír cos hábitos e accións cotidiás para acadar unha sociedade onde o equilibrio e a xustiza social estea sempre presente.

مقالات ذات صلة

OUTRAS NOVAS