jueves, marzo 6, 2025
InicioNewsActualidadeA Xunta oferta prazas vacantes nas residencias xuvenís públicas

A Xunta oferta prazas vacantes nas residencias xuvenís públicas

A Xunta de Galicia ten aberto o prazo para solicitar algunhas das prazas vacantes nas residencias xuvenís públicas autonómicas dependentes da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude para este curso. Trátase dunha convocatoria que se abre despois de ofertar 224 postos no mes de xullo, dos que 14 están aínda sen cubrir.

Do total das prazas vacantes, 10 son na Residencia Altamar de Vigo, unha no centro residencial xuvenil de Lugo e tres na residencia Florentino López Cuevillas de Ourense. Ademais, a convocatoria reserva un 9% do total das prazas para persoas que sufran violencia de xénero ou cuxas proxenitoras a sufrisen, así como para aquelas que teñan un expediente de protección aberto.

Poden solicitar estes postos a mocidade de entre 16 e 30 anos de idade que, por razóns de estudo ou traballo, se ven obrigados a permanecer fóra do concello onde teñen a súa residencia habitual. O período de estadía estará dentro do calendario académico, agás os períodos de vacacións, e inclúe aloxamento e manutención. As solicitudes presentaranse a través da sede electrónica da Xunta de Galicia ata o vindeiro luns día 10 de marzo.

As prazas van dirixidas a rapaces e rapazas que estean a cursar estudos de bacharelato, formación profesional, ciclos formativos, estudos universitarios tendentes á obtención do título de grao ou equivalente, doutorados, estudos de mestrados universitarios oficiais ou persoas traballadoras. Na valoración das solicitudes teranse en conta aspectos como a renda da unidade familiar, a condición de familia numerosa ou monoparental, as condicións de orfandade e de discapacidade ou antigüidade na residencia xuvenil, entre outros.

مقالات ذات صلة

OUTRAS NOVAS