O Concello de Tui executará este mesmo ano a reforma e acondicionamento das piscinas municipais, cuxas obras foron sacadas a concurso cun presuposto base de case 350.000 euros.
O Concello acadou unha subvención de preto de 189.000 euros do Consello Superior de Deportes, con cargo a fondos europeos do Plan de Recuperación, Transformación e resiliencia, para realizar este proxecto que contará cun prazo de execución de 8 meses.
O proxecto de reforma inclúe actuacións en case a totalidade das instalacións. Está prevista a mellora da urbanización exterior co fin de garantizar a súa funcionalidade e accesibilidade, así como a súa urbanización interior coa instalación dun sistema de recollida de augas no perímetro das zonas pavimentadas, tamén un sistema de recollida de augas pluviais xerais no interior da parcela, a creación dunha plaza seca con xogos entre os dous vasos das piscinas existentes e a substitución de todas as luminarias dos farois.
Nos vestiarios executaranse obras de accesibilidade, funcionalidade e eficiencia enerxética. Ademais, na piscina de adultos procederase tamén á mellora da accesibilidade, á impermeabilización do vaso e ao cambio de gresite interior por revestimento cerámico, entre outras actuacións.
En canto á piscina infantil, executarase un novo perímetro de vaso sobre a base existente co fin de evitar perdas de auga e xerar un pequeno banco perimetral. Tamén se mellorará o acabado interior e se instalará pavimento antideslizante na zona da explanada.
A maiores, procederase á mellora do edificio onde se atopan as instalacións, así como a instalación de paneles fotovoltaicos para mellorar a eficiencia enerxética.