lunes, diciembre 23, 2024
InicioComarcasLouriñaPorriño impulsa a reciclaxe de envases de vidro entre a hostalería

Porriño impulsa a reciclaxe de envases de vidro entre a hostalería

Levaranse a cabo enquisas, instalaranse contedores especiais e entregaranse cubos a quen os solicite.

O Concello do Porriño, coa colaboración de Ecovidrio, pon en marcha este mes de abril unha campaña para impulsar a reciclaxe de envases de vidro no sector hostaleiro da localidade.

A iniciativa, nunha primeira fase, comezará o vindeiro martes, 19 de abril, coa realización de enquisas e entrevistas a todos os establecementos de hostalería da vila para coñecer de primeira man cales son as súas necesidades e poder adecuar os recursos existentes. Ademais, ofrécese información detallada aos locais de como reciclar correctamente e das vantaxes sociais, económicas e medioambientais que ten a reciclaxe de envases de vidro.

Nunha segunda fase, e para facilitar a reciclaxe de vidro na canle Horeca (Hostelería, Restauración e Catering), actuarase sobre os contedores existentes e instalaranse iglúes especiais dotados cunha boca máis ancha para un baleirado máis rápido e algúns deles incluirán un sistema de elevación hidráulica que permite a reciclaxe de grandes cantidades de vidro como as xeradas polos hostaleiros. Tamén se entregarán cubos adaptados con rodas para facilitar o transporte dos residuos de vidro aos contedores.

Para levar adiante esta iniciativa, poñerase en marcha un traballo de campo con visitas persoais aos hostaleiros para reforzar o coñecemento da lexislación en vigor para o sector dos grandes xeradores en materia de reciclaxe de envases de vidro. Da mesma maneira, preténdese lograr un incremento maior da taxa de reciclaxe de vidro no concello que actualmente se sitúa nos 15 kg/hab/ano, unha cifra lixeiramente por debaixo da media provincial e galega.

O sector da hostalería e a restauración consume preto do 52% dos envases de vidro dun solo uso que se producen en España.

“O vidro que se deposita nos contedores recíclase ao 100% e utilízase para a fabricación de novos envases, de forma indefinida e sen perder as propiedades orixinais”, explicou a concelleira de Medio Ambiente, Antía Carrera. “Reciclando vidro evitamos o crecemento dos vertedoiros”.

Pola súa banda, o alcalde, Alejandro Lorenzo, apuntou que “reciclar vidro é un elemento clave na loita contra o cambio climático. Ao usar calcín -vidro reciclado- na fabricación de novos envases, evítase a extracción de materias primas da natureza, evitando a erosión dos chans e a deforestación. Ademais de minimizarse a emisión de CO” e aforrar enerxía”.

مقالات ذات صلة

OUTRAS NOVAS