sábado, marzo 1, 2025
InicioNewsActualidadeTui e Salvaterra de Miño buscan conxuntamente dez millóns de euros en...

Tui e Salvaterra de Miño buscan conxuntamente dez millóns de euros en Europa

Tui e Salvaterra de Miño aspiran a un investimento de 10 millóns de euros de fondos europeos para a transformación do territorio e a mellora da calidade de vida da súa cidadanía, nun proxecto que «marcará un antes e un despois na cooperación tranfronteireiza».

Os dous municipios veñen de presentar conxuntamente “Cultura compartida”, un Plan de Acción Integrado (PAI) á convocatoria de axudas do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER) no marco do Programa de Crecemento Sustentable 2021-2027.

Tui, que será o municipio cabeceira do proxecto, e Salvaterra de Miño únense dando un paso adiante cara a un modelo de desenvolvemento sustentable, igualitario e innovador, apostando pola revalorización do territorio como unha estratexia innovadora que busca fortalecer a identidade cultural compartida, mellorar a conexión entre ambas localidades e dinamizar a súa economía, o seu tecido social e o patrimonio natural e histórico.

O alcalde de Tui, Enrique Cabaleiro, sinala que «queremos reforzar a identidade compartida de Tui e Salvaterra, poñendo en valor o noso patrimonio e creando novas oportunidades para a cidadanía”. A alcaldesa de Salvaterra, Marta Valcárcel, sinala a importancia desta cooperación entre os dous municipios que “permitirá seguir avanzando en proxectos estratéxicos para ambos”.

O PAI “Cultura Compartida” abrangue un conxunto de intervencións urbanísticas e culturais, e constitúe unha ferramenta de transformación social. Aposta por fortalecer o tecido comunitario e impulsar a economía local desde unha perspectiva inclusiva e participativa, desenvolvemento un modelo transformador baseado na cooperación e a igualdade.

“Cultura Compartida” presenta tres grandes proxectos clave: a valorización do centro histórico de Tui como nodo cultural, o reequilibrio territorial a través do río Miño e a promoción da innovación cultural transfronteiriza cun conxunto de 19 accións concretas en Tui e Salvaterra.

Entre as accións destacadas inclúense a rehabilitación de espazos e edificios públicos, a creación de sendas ao longo e cara ao Miño, axudas directas e formación para o impulso de empresas con base tecnolóxica e a implantación dunha plataforma dixital para potenciar o comercio e o turismo local.

Así no primeiro proxecto “Cidade histórica como nodo” desenvolveranse actuacións clave para recuperar e dinamizar o conxunto histórico de Tui como espazo de cohesión social e motor cultural e económico da comarca.

O segundo proxecto «Reequilibrio territorial a través do Miño» busca reforzar as conexións ambientais, culturais e sociais entre as dúas marxes do río Miño. Así prevense proxectos de mellora dos espazos públicos en Baldráns, Caldelas e Areas, fomentando a revitalización das parroquias e a súa integración co río. Tamén se contempla o reacondicionamento da senda verde do Miño, conectando Tui e Salvaterra, cun itinerario para mobilidade peonil e ciclista. Amais está incluído neste proxecto a rehabilitación do Centro Cultural de Caldelas de Tui, reforzando o acceso á cultura no rural, e unha Oficina Itinerante de Formación Dixital, para reducir a fenda dixital e achegar servizos públicos ao rural.

Xa o terceiro proxecto previsto é «Innovación cultural transfronteiriza» co que se realiza unha aposta polo futuro, transformando a cultura en motor económico e social da Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal. No mesmo está contemplada a construción do novo Auditorio de Salvaterra, un espazo para eventos culturais e tecnolóxicos de gran escala; o establecemento de axudas ao alugueiro e rehabilitación de espazos no centro histórico de Tui, facilitando a instalación de empresas culturais e de innovación tecnolóxica; e a realización de mentorías e formación para emprendedores no sector da innovación cultural, fomentando a profesionalización da economía creativa. Por último proxéctase unha plataforma dixital Tui-Salvaterra, que centralizará a oferta cultural, turística e comercial da área.

Neste Plan de Acción Integrado “Cultura Compartida” os concellos de Tui e Salvaterra de Miño apostan por un futuro compartido, por unha cultura viva e por un territorio no que o desenvolvemento económico estea baseado na creación de riqueza colectiva e sostible.

مقالات ذات صلة

OUTRAS NOVAS