Será o próximo 24 de abril, con saída ás 10:00 horas do Castro de Herville.
Concello de Mos organiza, coa colaboración da Asociación Española Contra o Cancro en Mos, a III Andaina Solidaria “En Marcha Contra o Cancro”.
O percorrido, que ten unha dificultade fácil e é apto para toda a familia, comezará ás 10:00 horas con saída desde o Castro de Herville, Cela. Serán en total 7 kilómetros.
As persoas que desexen inscribirse poden facelo na Piscina Municipal (número de teléfono: 986 334 070), no Multiusos As Pozas (número de teféfono: 986 339 404) ou nos teléfonos da sede local da Asociación en Mos: 697 484 529 e 663 546 218.
O prezo da inscrición son 5 euros, que inclúe a entrega do dorsal e unha bolsa con avituallamento.
Todo o recadado neste evento destinarase a seguir financiando tódolos programas e servizos que a Asociación ofrece, de maneira gratuíta, ós pacientes de cancro e as súas familias; e entre os que se atopan, a atención psicolóxica e social, préstamo de material ortoprotésico (camas, andadores, perrucas, cadeiras de rodas, etc), campañas de prevención, acompañamentos en hospitais e domicilios e programas de investigación en cancro.
A actividade da Asociación Española Contra o Cancro en Mos
A Sede Local de Mos retomará a partir do próximo mes de maio a súa atención ao público nun local cedido polo Concello en San Rafael, Camiño de Campo de Eiró, 100, os mércores de 10.00 a 12.30 horas. Ademais de dar información sobre os servizos gratuítos de apoio e acompañamento que ofrece a Asociación a pacientes oncolóxicos/as e aos seus familiares, para calquera dúbida ou consulta, as persoas interesadas en contactar coa Asociación tamén poderán facelo no 900 100 036 (as 24 horas, os 365 días do ano de maneira gratuíta).
A Asociación Española Contra o Cancro en Mos realizou durante o pasado ano 2021 un total de 181 intervencións, desglosadas da seguinte maneira:
– 120 intervencións de atención a pacientes en final de vida e aos seus familiares
– 32 de atención psicolóxica
– 26 da área de Traballo Social (información/orientación, préstamo de material ortoprotésico como camas, andadores, perrucas, etc, inserción laboral, alimentos, axudas económicas)
– 3 actuacións do equipo de voluntariado