A alcaldesa de Mos e senadora por Pontevedra, Nidia Arévalo, defendeu no Pleno da Cámara Alta unha moción consecuencia da interpelación ao Ministro, Óscar Puente do pasado 11 de febreiro, na que se esixiu de novo a gratuidade da AP-9 como alternativa á nova A-52 e solución á A-55.
Arévalo explicou durante a sesión plenaria do senado que «a AP-9 é unha das autoestradas máis antigas de España e que ten un percorrido de máis de 200 quilómetros que une todas as cidades galegas do Eixo Atlántico entre si e con Portugal».
A rexedora mosense puxo de novo a voz de alarma sobre o trazado proposto para a nova autovía A-52, «que agrede brutalmente tanto ao territorio como á poboación da área Metropolitana de Vigo».
Arévalo reclamou así que «se abra un período de diálogo institucional e técnico cos municipios afectados, que se libere a peaxe do tramo Puxeiros-O Porriño da AP-9 e que se propoñan de modo urxente alternativas ao trazado, debido ao grave impacto que ocasiona na parroquia viguesa de Benbrive e no Concello de Mos».
Ademais, Nidia Arévalo resaltou que “a AP-9 ten unha intensidade media diaria de máis de 25.000 vehículos en todo o seu percorrido e máis de 40.000 no tramo Vigo-Pontevedra”, tras o que denunciou que “é unha das autoestradas coa peaxe máis cara de España, 23,85 euros en só un traxecto”.
En canto ao interese xeral que supón a AP-9, Nidia Arévalo puxo de relevo catro motivos: “Os 3 millóns de habitantes de Galicia que claman pola súa reversión; os transportistas que solicitan por unanimidade a transferencia da titularidade á Comunidade Autónoma; así como a solicitude realizada polo Parlamento de Galicia por unanimidade; e polas negociacións da Xunta para xestionar a devandita transferencia”.