martes, marzo 4, 2025
InicioNewsActualidadeLuz verde ao cambio de titularidade de varios tramos de estrada en...

Luz verde ao cambio de titularidade de varios tramos de estrada en Tui entre a Xunta e o Estado

O Consello de Ministros vén de aprobar un Real Decreto mediante o cal se producirá o cambio de titularidade de varios tramos de estradas ubicadas na provincia de Pontevedra, entre a Comunidade Autónoma de Galicia e o Ministerio de Transportes e Mobilidade Sostible, coa conseguinte modificación da Rede de Estradas do Estado.

Así, por unha banda, o Ministerio cederá a favor da Comunidade Autónoma un tramo da estrada N-551 e o antigo ramal de conexión entra a autovía A-55 e a N-551: Vigo-Tui e Tui-Portugal.

Pola outra, Galicia cederá a favor de Transportes a glorieta elevada que conforma o novo enlace sobre a autovía A-55, os ramais de conexión da glorieta coa autovía e o ramal de conexión da glorieta coa estrada N-551.

Este Real Decreto enmárcase no acordo firmado recentemente entre o Ministerio de Transportes e Mobilidade Sostible e a Consellería de Vivenda e Planificación de Infraestruturas da Comunidade Autónoma de Galicia.

Deste xeito, Galicia asumía o tramo da N-551 entre o seu inicio e a glorieta executada no km 0,050, así como os ramais Vigo-Tui e Tui-Portugal, que daban continuidade á antiga ligazón tipo diamente entre a A-55 e a N-551.

O Ministerio de Transportes á súa vez incorporaba á Rede de Estradas do Estado a glorieta elevada do enlace sobre o km 30,200 da A-55, os ramais de conexión da glorieta coa autovía A-55 e o ramal de conexión da glorieta coa estrada N-551, na glorieta do km 0,550 da mesma.

Este cambio de titularidade, que levará consigo a modificación da Rede de Estradas do Estado, non conleva trasferencia de capital algún entre as partes nin menoscaban a continuidade do itinerario de interese xeral que serve de acceso ao paso fronteirizo pola ponte internacional entre a N-551 e a N-13 portuguesa.

Desta forma, o acordo dá cumprimento ao establecido na autorización de obras emitida pola Dirección Xeral de Estradas, na que se autorizaba á Comunidade Autónoma de Galicia á realización das obras para a conexión do vial de alta capacidade de Tui-A Guarda coa estrada estatal A-55.

مقالات ذات صلة

OUTRAS NOVAS