Un equipo docente do CRA Mestre Manuel Garcés de Tomiño visitou a comuna de Pistoia, na rexión da Toscana en Italia, co fin de levar a cabo a segunda fase do programa «Observa-Acción«.
Os profesores e profesoras, entre eles o director do Colexio Rural Agrupado tomiñés, Antón de Valenzuela, realizaron a primeira fase desta formación no ano 2024 a nivel autonómico, e nesta segunda fase escolleron visitar as escolas da recoñecida docente Deborak Capellani en Italia.
«Foi unha experiencia moi positiva poder coñecer de primeira man unha metodoloxía diferente pero coa que compartimos moitas similitudes» comentaba Antón de Valenzuela. «Esta formación deunos a posibilidade de ver de preto as fortalezas e vías de mellora do noso modelo educativo«.
Os docentes destacan desta visita «a implicación das familias e da comunidade dentro da escola e a súa integración no día a día, os traballos metodolóxicos específicos, o desenvolvemento da creatividade infantil e atención as súas necesidades e en xeral, as rutinas e a estruturación dos tempos e espazos«.
Por outra banda, o director tamén quixo destacar que «regresamos co convencemento de que no CRA estamos levando a cabo un bo traballo» e recordou neste sentido que «hai dous anos fomos recoñecidos como o proxecto educativo máis innovador de Galicia«.