O aviso vermello por temporal de choiva, vento ou neve suporá a suspensión automática das clases en todos os centros educativos de Galicia. A medida será aplicada dende xa.
Así o comunicou o conselleiro de Presidencia, Diego Calvo, quen informou que «con este novo protocolo, se evitará o trámite de reunión á comisión de alertas, gañando tempo e facilitando a previsión ás familias«. Do mesmo xeito, tamén serán suspendidas as actividades deportivas federadas e do Programa Xogade.
Nos casos de aviso laranxa da Axenda Estatal de Meteoroloxía, tan só se suspenderá de forma automática a actividade educativa se a advertencia é por neve, debido a que «non estamos acostumados a desprazarnos con neve» segundo xustificou Calvo.
En caso de choiva ou vento, serán canceladas as actividades no exterior e poderán suspenderse as clases e/ou o transporte escolar se a comisión de emerxencias así o decide en cada caso.