A pasada fin de semana estivo cargada de competicións para o Club Natación Ponteareas, onde participaron os nadadores e nadadoras máis pequenas do club e pola outra banda, os máis veteranos.
O sábado 15 de febreiro tivo lugar a II Xornada da Liga Prebenxamín, que foi celebrada na piscina do Centro Galego de Tecnificación Deportiva (CGTD) en Pontevedra. «Esta competición», aseguran dende o club «é habitualmente a primeira toma de contacto coa competición para as e os deportistas máis novos».
En concreto, foron 31 os nadadores e nadadoras do club pontareán que participaron nesta xornada. «Á espera da publicación dos resultados doutras sedes, só podemos felicitar aos nosos deportistas polos grandes progresos amosados en cada competición, amosándonos que temos relevo garantido cando chegue o momento» afirman dende o Club Natación Ponteareas.
Por outra banda, a categoría Máster disputou o domingo 16 de febreiro a III Xornada da Liga Galega Máster, obtendo uns grandes resultados e permanecendo entre os primeiros clasificados nas probas que se celebraron na sede de Ponteareas.
«Agardando a que se publiquen os resultados unificados das outras sedes, contamos con manter a primeira posición tanto na clasificación conxunta por equipos como na feminina, mentres que agardamos mellorar a segunda posición en categoría masculina» informa o club local.