sábado, febrero 22, 2025
InicioNewsActualidadeMos acolle un obradoiro de sensibilización coa discapacidade para o alumnado de...

Mos acolle un obradoiro de sensibilización coa discapacidade para o alumnado de educación infantil

As concellerías de Política Social e Educación do Concello de Mos, en colaboración con COGAMI organizan o obradoiro de sensibilización coa discapacidade denominado ‘Comunica-sons‘ que se desenvolve nos colexios de educación infantil e primaria do municipio.

A iniciativa, que comezou a súa primeira actividade no CEIP de Petelos, impartirase en todos os colexios de Mos e estará dirixida ao alumnado de Educación Infantil. A actividade é impartida pola técnica de Educación, Marcia Vásconez, coa colaboración de traballadores e persoas voluntarias con discapacidade membros de COGAMI.

O alumnado de segundo ciclo de infantil é o beneficiario desta actividade que se desenvolve en sesións de aproximadamente 50 minutos e nas que se realiza un achegamento aos conceptos de discapacidade e diversidade a través dun xogo musicalizado.

Deste xeito, os cativos e cativas aprenden a través das notas musicais os diferentes tipos de discapacidades, asociando cada unha delas a un concepto diferente. Ademais, realízase a proxección de dúas curtas de animación infantil en relación á discapacidade, barreiras e accesibilidade.

Os obxectivos desta iniciativa son, segundo explicou a alcaldesa de Mos, Nidia Arévalo, “espertar a curiosidade e o interese do alumnado de infantil pola diversidade, entender a diversidade como un valor positivo, coñecer a discapacidade dende os seus diferentes tipos e dimensións e mostrar estratexias e recursos didácticos de apoio ao equipo docente para poder usar co alumnado de Educación Infantil”.

Con todo, a metodoloxía empregada é a lúdico-didáctica, así, ao tratarse dun xogo, foméntase a interacción e participación do alumnado. Ademais, a presencia de persoas voluntarias con discapacidade aporta unha gran calidade e realismo na actividade.

مقالات ذات صلة

OUTRAS NOVAS