O Concello de Tomiño veuse obrigado a abrir un total de 547 expedientes por incumprimento das labores de xestión da biomasa en 2024. Entre elas, a roza de parcelas e tala de especies prohibidas. Tarefas de obrigado cumprimento segundo a Lei 3/2007, de 9 de abril, de Prevención e Defensa contra os Incendios Forestais de Galicia ou da Ordenanza Municipal da Xestión da Biomasa.
Estos expedientes tramitáronse despois de recibir 436 denuncias de particulares, e 111 foron tramitados de oficio.
Destas 547 parcelas denunciadas no ano 2024, o 81% delas foron tramitadas, uns 444 expedientes. Mentres que un 15% foron desestimadas, uns 81 expedientes. Das parcelas restantes, 22 expedientes aínda están pendentes de tramitación, por motivos diversos.
Das 547 denuncias presentadas, unhas 208, que representa un 38%, foron motivadas pola infracción da Lei de Prevención e Defensa contra os Incendios Forestais de Galicia. Por outra banda, as 283 que representan un 52%, polo non cumprimento das ordenanzas municipais de xestión da biomasa. Os 56 restantes, un 10%, foron motivados polas súas causas.
No caso da titularidade dos predios, dos 444 expedientes tramitados, unhas 31 parcelas son de titularidade descoñecida ou están en investigación. Dos terreos que teñen propietarios, 108 notificacións foron infrutuosas, polo que os anuncios tiveron que ser publicados nos diarios oficiais, a efectos de notificación.
Do total de expedientes tramitados, 77 propietarios comunicaron ao Concello que realizaron os traballos de limpeza pola súa conta. Aínda que na notificación que reciben as persoas propietarias das parcelas denunciadas, transmíteselle a obriga de comunicar ao Concello a realización dos traballos de limpeza.
No caso 547 expedientes iniciados nas parroquias, Tomiño é a que ten maior número de expedientes abertos cun total de 208. Síguelle Amorín con 85 e Forcadela con 63. As parroquias que rexistran menos expedientes abertos son Taborda con 2, e Currás con 3.
Comparando o número de parcelas denunciadas con respecto ao 2023, nótase unha lixeira baixada na apertura de expedientes. Con iso, constatándose un descenso importante na parroquia de Currás. Nos demais casos, os valores do ano anterior mantéñense aproximadamente.
No caso das execucións subsidiarias que tivo que asumir o Concello de Tomiño en 2024, foron 11, levadas a cabo en parcelas con expedientes abertos no ano anterior. O custe da contratación destes traballos ascendeu a 5467,40 euros (IVA incluído), que deberán reembolsar os propietarios ou propietarias ao Concello.
A concelleira de Medio Ambiente, Ana Belén Casaleiro, delegada para a tramitación destes expedientes, resalta que «en moitos casos, estas parcelas coinciden en faixa secundarias, na que o Concello aposta pola inclusión de frondosas autóctonas, coa campaña “Rodéate de Vida” (que se está levando a cabo actualmente) e así, comunícaselle aos afectados, cando se envían as notificacións”.