Debido a boa acollida da exposición ‘O Camiño en Viñetas’, Turismo de Galicia prorroga a súa continuidade durante dous meses máis. En concreto, poderá visitarse ata o día 30 de marzo despois de ser inaugurada o pasado mes de novembro no Museo das Peregrinacións e de Santiago. Máis de 7.500 persoas xa a visitaron ata o pasado 31 de xaneiro.
A mostra leva o Camiño de Santiago ata novas formas de expresión, como son o cómic e a banda deseñada. Ademais, artéllase arredor da publicación ‘A aventura xacobea de Simón Martel’, centrada na adolescente que lle da nome. Esta é unha personaxe de longa tradición no cómic galego, protagonista de sete libros desde 1994, ano no que se publicou o primeiro. Neste caso, Martel lánzase a percorrer o Camiño cos seus tíos e un amigo. Durante o percorrido vanse cruzando con distintos personaxes reais e situacións a través das que repasar a historia e a importancia das peregrinacións a Santiago.
Neste caso, ata finais de xaneiro, 7.505 persoas visitaron este proxecto expositivo. Esto da a medida do interese por afondar en novas formas de representación do Camiño de Santiago, que permiten achegar a súa traxectoria histórica e transcendencia a distintos públicos. Isto entronca coa estratexia de Turismo de Galicia de divulgar e promover as rutas xacobeas desde calquera expresión en xeral, como son neste caso a creación artística e o humor.
Ademais, ‘O Camiño en viñetas’ é unha produción de Turismo de Galicia e conta coa colaboración de Fausto Isorna, debuxante, Gemma Sesar, quen se encargou do argumento e de Pablo Rosendo, Pepe Quintela, Axeitos&Co e Daexga, que participaron no deseño e montaxe.