Non haberá unha nova edición do Festival Afluente en Ponteareas. Así o vén de anunciar a organización deste evento que se celebrou por primeira vez na capital do Condado o pasado xullo do 2024. Naceu coa intención de consolidarse como unha cita coa música no contorna natural da Freixa, pero, finalmente, a súa traxectoria non continuará neste 2025.
Segundo anuncia na súa rede social Imaxinaria Produccións, a empresa responsable do evento, «é a nova que nunca quixemos dar: non haberá edición do Afluente Festival no 2025». Inidican que «a situación na que se desenvolve un festival mudou moito nestes últimos anos» e que «debido ao aumento notable dos custos de produción, a redución de tempos para a planificaicón e o contexto de saturación de oferta de festivais non nos é posible organizar un evento da calidade e das expectativas que nós queremos e que vós merecedes».
A publicación saltaba ás redes sobre as 16:00 horas e xa son moitas persoas seguidoras deste evento os que amosaron a súa tristeza fronte esta decisión da organización do festival. Na publicación, o Afluente explicou que «quen mercara a entrada recibirá un email no seu correo electrónico a través do cal poderá realizar a xestión da devolución da mesma». Insistiron, tamén, que «con profundo malestar vémonos na obriga de parar, repensar o festival e intentar buscar novos formatos que nos permitan crear algo á altura das nosas expectativas que aporte valor e que trate ao público co respeto que merece».
Finalmente, a organización agradeceu «a todo o público que se achegou á Freixa a acompañarnos nesta bendita locura que foi a primeira edición. Nós nunca a olvidaremos». O evento estaba previsto para o mes de xullo deste ano 2025 e foi no mes de agosto do pasado ano cando se puxeron en venda os primeiros abonos para acudir ao festival.