jueves, febrero 13, 2025
InicioNewsComarcasPonteareas promove o alugueiro de vivenda baleira no rural

Ponteareas promove o alugueiro de vivenda baleira no rural

Converter unha vivenda baleira nunha nova oportunidade e rematar co estigma de ser unha persoa sen fogar son algúns dos obxectivos que persegue a campaña “Queres alugar unha vivenda?” que vén de activar o concello de Ponteareas. A través desta campaña a concellería de Benestar social quere dar a coñecer a realidade das persoas sen fogar e concienciar á poboación da necesidade de dar novas oportunidades que melloren a vida de moitas persoas que procuran un cambio. 

Para avanzar nestes obxectivos o Concello de Ponteareas lanza a campaña de aluguer de vivenda baleira no rural. “Se es propietaria/o dunha vivenda no rural que non usas podes porte en contacto a través do número de teléfono 673 520 297 e recibirás asesoramento e acompañamento tanto para os que alugan como para a propiedade”, explica a concelleira de Benestar Social, Raquel Plana, incidindo na necesidade de activar apoios para poder superar o reto de acceder a unha vivenda e reactivar tamén a vida no rural.

Explica a edil que dende o Programa de Emerxencia e Inclusión Social, as Educadoras Sociais traballan día a día para que todas as persoas poidan ter acceso a unha vivenda digna. Estas profesionais realizan labores de acompañamento, apoio e intermediación en materia de vivenda. 

Aclaran as profesionais deste servizo que cando se fala das persoas sen fogar, as reaccións soen ser diversas. Para algúns son invisibles; para outros representan un problema que prefiren evitar. Todo isto está construído baixo unha serie de estereotipos e prexuízos  que defenden que a falta de vivenda é o resultado de malas decisións, falta de esforzo ou incluso unha elección propiamente voluntaria. 

“Non obstante, a realidade é moito máis complexa. A perda dun fogar pode deberse a múltiples factores, a precariedade laboral, problemas de saúde, falta de rede de apoio ou crise económica e social. Máis que unha cuestión individual, é un reflexo de desigualdades profundas que afectan a toda a sociedade”. 

Ademais, a alcaldesa Nava Castro explica que o concello de Ponteareas non só promoverá o alugueiro das vivendas baleiras no rural, tamén a conversión de baixos en vivenda no centro urbano, trátase dunha primeira medida con reserva de investimentos no orzamento municipal co obxectivo de dar vida a espazos baleiros e á vez solucionar a necesidade de vivenda para as persoas con menos recursos ao tempo que se devolve a vida a zonas despoboadas como poden ser algúns barrios das parroquias.

Precisamente nesta mesma liña de reactivar barrios o Concello xestiona axudas na zona ARI (Área de Rehabilitación Integral) que abrangue o centro histórico e o percorrido das alfombras de Corpus Christi, un total de 74 edificios residenciais e 133 vivendas unifamiliares. Estas axudas que poden chegar a cubrir ata o 100% do solicitado son para intervencións de mellora pero tamén reverte no resto da vila e da cidadania ao restablecer a beleza das rúas máis degradadas.  

مقالات ذات صلة

OUTRAS NOVAS