A alcaldesa de Mos, Nidia Arévalo, e a concelleira de Cultura mosense, Sara Cebreiro, presentaron hoxe o proxecto «BIBLIOTECA NAMORADA: CITA A CEGAS COS LIBROS» que se desenvolverá na Biblioteca Municipal María Magdalena do 10 ao 14 de febreiro.
A iniciativa ten por obxecto que os lectores usuarios da Biblioteca mosense escollan unha cita literaria a cegas e leven a sorpresa ao chegar a casa, abrila e comezar a lectura.
Biblioteca Namorada trátase dun programa de fomento da lectura impulsado dende a Biblioteca Pública Municipal María Magdalena con motivo da celebración de San Valentín. Dun xeito orixinal e divertido, foméntase o amor pola lectura e a sorpresa literaria. A iniciativa «Biblioteca namorada: cita a cegas cos libros» invita aos usuarios/as a levar en préstamo un libro envolto en papel de agasallo, sen coñecer o título nin o autor ata que o abren na casa.
Os obxectivos da actividade son: fomentar o interese pola lectura a través da sorpresa e da curiosidade. Promover o préstamo de libros de diferentes xéneros e autores. Ofrecer unha nova e emocionante experiencia na biblioteca. E celebrar o día de San Valentín cunha actividade cultural e literaria.
Para desenvolver o proxecto o persoal da Biblioteca fará unha elaboración dos volumes seleccionados para o mesmo, realizando unha selección de libros variados, incluíndo diferentes xéneros como romance, misterio, ciencia ficción, poesía, ensaio, entre outros. Envolverán cada libro en papel de agasallo, usando papel decorativo que reflicta o tema do amor ou cores alusivas ao día de San Valentín. E escribirán unha breve pista ou frase suxestiva sobre o contido do libro nunha etiqueta sen revelar o título ou o autor. Por último colocarán os libros envoltos nunha sección especial da biblioteca decorada con elementos románticos incluíndo un letreiro que explique a dinámica: «Escolle a túa cita literaria a cegas. Colle prestado un libro envolto, lévao a casa e infórmate».
O programa estará aberto a todos os usuarios/as da Biblioteca e cada usuario/a poderá levar só un libro envolto para garantir que máis persoas poidan participar na actividade.
Con esta actividade espérase un impacto que se reflicta no aumento do interese pola lectura de diferentes xéneros, no fomento da sorpresa e a emoción pola literatura, e en crear unha experiencia memorable para os usuarios da Biblioteca o Día de San Valentín; pero sempre puntualizando que o proxecto non só celebra o día de San Valentín, senón que tamén reforza o vínculo entre os lectores e a biblioteca a través do amor polos libros.
![](https://www.siradio.gal/wp-content/uploads/2025/02/Screenshot_20250205_233640_Drive-724x1024.jpg)