miércoles, febrero 12, 2025
InicioNewsComarcasEscape Room, chocolatada, obradoiros e concursos no Entroido 2025 de Ponteareas

Escape Room, chocolatada, obradoiros e concursos no Entroido 2025 de Ponteareas

O concello de Ponteareas vén de presentar, a través dunha nota de prensa, o programa de actividades coas que a capital da comarca do Condado celebrará o Entroido de 2025. Ademais, explica no comunicado que o evento «estará dotado con preto de 20.000 euros entre premios e actividades para todos os públicos».

A alcaldesa de Ponteareas, Nava Castro, e o tenente de alcaldesa e concelleiro de Cultura, Juan Carlos González, presentaron o cartel dunha festividade na que «non faltarán os obradoiros, os desfiles, xogos, concursos e premios», segundo indica. Deste xeito, dende o sábado día 22 de febreiro ao mércores 5 de marzo o Concello ofrecerá distintas propostas de lecer dirixidas a todos os tramos de idade para que toda a cidadanía poida participar.

Neste sentido, o tenente de alcaldesa, Juan Carlos González, adiantou que se repartirán 12.000 euros en premios para as comparsas, 1.000 euros para o concurso de disfraces de adultos e 600 euros para o concurso de disfraces infantil. 

Programación

A programación de entroido comeza o venres día 21 co obradoiro interxeracional de máscaras organizado polo Programa de Emprego Compromiso Xuvenil ás 17:00 horas na residencia de artistas. Este mesmo programa organiza o photocall de entroido e obradoiro de pintacaras e globoflexia no parque da Feira Vella o sábado día 22 ás 11:00 horas. Tamén a esta mesma hora e no mesmo lugar organizan o concurso de orellas de entroido e degustación de doces.

Ademais, nas rúas do centro urbano o Programa de Emprego Compromiso Xuvenil realizará a Volta Vinista. A oferta de lecer de entroido tamén ofrece o obradoiro para aprender a maquillar en parella na sala multiúsos do auditorio municipal. Para esta actividade de maquillaxe requírese inscrición previa no número de teléfono 986 662 674.

O mércores 26 ás 17:30 horas o obradoiro de maquillaxe será para público infantil e o venres 28 de febreiro ás 11:00 horas será o desfile escolar de entroido diante da Casa do Concello. Ás 16:30 horas o Programa de Emprego Compromiso Xuvenil oferce a skape kids “Unha viaxe pola historia” no parque das Pombas. Ás 17:30 horas na praza Maior obradoiro de máscaras de entroido. 

Xa no mes de marzo, o día 1, ás 16:30 horas haberá un urban skape co P.E Compromiso Xuvenil con punto de encontro nos Xardíns da Xiralda. Na praza Bugallal haberá inchables a partir das 17:00 horas.

Desfile de comparsas

O  domingo 2 será o día grande co desfile de comparsas a partir das 17:30 horas dende Feliciano Barrera, rúa Carballos e avenida de Galicia. Os concursos de disfraces chegan o luns día 3, o infantil será ás 17:00 horas e o de adultos a partir das 20:00 horas, nas dúas categorías haberá premios para os cinco mellores. 

As comparsas volven ás rúas o martes día 4 cun desfile dende a rúa Rosalía de Castro a partir das 19:00 horas. A entrega de mencións será na praza Maior ás 20:30 horas e ao remate o Concello convida á gran chocolatada. 

O enterro da sardiña celebrarase o mércores día 5 ás 19:30 horas co comezo do velorio diante da Casa do Concello e o enterro ás 20:00 horas con saída dende a Casa do Concello acompañado da charanga SDK ata a praza Maior.

مقالات ذات صلة

OUTRAS NOVAS