viernes, febrero 7, 2025
InicioNewsA Coruña aproba a ordenanza das vivendas de uso turístico para "aumentar...

A Coruña aproba a ordenanza das vivendas de uso turístico para «aumentar a oferta de alugueiro»

O pleno aprobou inicialmente a nova ordenanza reguladora das vivendas de uso turístico (VUT), unha medida impulsada polo Goberno de Inés Rey nun contexto no que os custos de vivenda «están en máximos históricos», segundo apuntan desde o Concello da Coruña.

O concelleiro de Urbanismo, Rehabilitación e Vivenda, Francisco Díaz Gallego, subliñou a necesidade de que esta normativa entre en vigor atendendo a como as VUT «repercuten na cidade en aspectos como o acceso a vivenda, reducindo o parque de alugueiro, incrementando tamén os seus custos», ademais das dificultades de compatibilizar as VUT cos usos residenciais, tanto polos conflictos que poden xurdir entre as persoas de paso e a veciñanza como á hora de costear os servizos públicos que presta a cidade.

Díaz Gallego fixo fincapé na importancia de «frear o proceso de xentrificación do parque de vivendas residencial», e recalcou que o Goberno de Inés Rey está facendo uso de todas as ferramentas que están na súa man para aliviar as dificultades da cidadanía en materia de acceso a vivenda. «A ordenanza VUT non é a solución única, mais é unha peza do puzzle que é preciso activar», expuxo o concelleiro, que lembrou tamén a certificación de que A Coruña, atendendo aos informes técnicos encargados polo Concello, cumpre cos requisitos para a declaración de Zona de Mercado Residencial Tensionado.

Neste sentido, Díaz Gallego destacou que, tal e como se informou a semana pasada, o vindeiro mes de marzo -tras o prazo de consulta pública e un novo encontro coa Mesa Sectorial de Vivenda-, o Goberno municipal remitiralle á Xunta o informe detallado por distritos e seccións censuais e solicitará que sexa adoptada esta medida para conter os prezos e garantir o acceso da cidadanía á vivenda.

A ordenanza, aprobada inicialmente cos votos a favor do Goberno municipal, do BNG e a abstención do PP, pasará agora ao trámite de exposición pública antes de volver ao pleno para a súa aprobación definitiva.

O concelleiro de Urbanismo, Rehabilitación e Vivenda amosou hoxe o seu agradecemento ás asociacións e colectivos «que aportaron as súas achegas e ideas para dar forma á ordenanza» a través dunha mesa sectorial que, nos últimos meses, permitiu concretar o texto normativo. «Esta mesa de traballo foi exposta como caso de éxito pola FEMP», destacou Díaz Gallego, que apuntou que a liña a seguir na que incidirá o Goberno de Inés Rey «será o compromiso coa creación de nova vivenda pública e protexida, a regulación e as axudas».

Medidas

Entre as liñas de acción que recolle a nova ordenanza está o feito de que as Vivendas de Uso Turístico non poderán estar situadas nunha planta inmediata superior a unha vivenda de uso residencial.

Si se permitirá o seu emprazamento en plantas primeiras ou baixas, atendendo, iso si, ás especificidades do Plan xeral en ámbitos como o PEPRI, e tamén se permitirá implantar as VUT en edificios destinados a este tipo de usos en exclusiva.

Díaz Gallego lembrou hoxe que, tal e como se recalcou estes días, «o Concello concederá un prazo de tres meses desde a entrada en vigor da ordenanza para que as persoas titulares de inmobles VUT poñan en orde ou obteñan a súa habilitación administrativa. No caso de que non cumpran coa normativa municipal marcada no texto desta ordenanza VUT, terán que dalos de baixa no Rexistro da Xunta».

مقالات ذات صلة

OUTRAS NOVAS