viernes, febrero 7, 2025
InicioNewsO PaísA gripe continúa con "intensidade baixa" e "estable" en Galicia, segundo Sanidade

A gripe continúa con «intensidade baixa» e «estable» en Galicia, segundo Sanidade

A Consellería de Sanidade publica, na súa páxina web, o informe de actividade das infeccións respiratorias agudas correspondente á quinta semana do ano que determina que a intensidade da gripe continúa sendo baixa, mantendo unha tendencia estable.

Segundo os datos, a taxa de consultas por gripe nos servizos de atención primaria diminuíu un 16 % respecto da semana previa e fica en 55,9 consultas por 100.000 habitantes.

O descenso da  taxa obsérvase en todos os grupos de idade agás o de 60 a 79 anos, no que se mantivo estable. O grupo con maior taxa de consultas foi o de 5 a 19 anos, con 133,9 por 100.000 habitantes. Por áreas sanitarias, a taxa de consultas foi inferior á da semana anterior en todas elas agás na de Lugo, na que aumentou moi lixeiramente.

A rede de farmacias sentinelas, que nesta campaña remiten os seus datos á Dirección Xeral de Saúde Pública, reflicte que as taxas de dispensación de antigripais mantívose estable mentres que a taxa de dispensación de probas de antíxenos descendeu lixeiramente respecto da semana anterior.

En canto aos ingresos hospitalarios, ingresaron 141 persoas con gripe confirmada, un 19 % menos que na semana anterior. A taxa de ingresos no conxunto da poboación foi de 5,2 por 100.000 habitantes, sendo o grupo de 80 e máis anos o que presentou a taxa máis elevada. Por áreas sanitarias, a taxa de ingresos mantívose estable na da Coruña e descendeu no resto. No que vai de temporada, notificáronse 1.004 ingresos, a maioría deles, 742, con virus do tipo A.

Respecto da positividade das mostras estudadas para virus do tipo A foi do 14,2 %, o que supón un descenso da semana anterior, que foi do 15,2 %. A positividade das mostras estudadas para virus do tipo B foi do 6,2 %, polo que a positividade dos virus da gripe foi do 19 % inferior á da semana anterior (22 %).

Evolución covid e VRS

O informe de actividade das infeccións respiratorias agudas indica que a razón de casos por médico de covid-19 diminuíu lixeiramente, mentres que a taxa de consultas descendeu un 21,3 %.

Pola súa banda, no que atinxe ao Virus Respiratorio Sincitial (VRS), a taxa de ingresos no conxunto da poboación foi de 1,0 ingresos por 100.000 habitantes, un dato inferior ao da semana pasada (3,3 ingresos por 100.000 habitantes).

Estimación

Segundo se recolle no informe, a estimación puntual do modelo de predición suxire que, nas vindeiras semanas, a taxa de consultas por gripe descenda de 55,9 consultas por 100.000 habitantes a 50,3 e 43,6 consultas nas semanas 6 e 7 respectivamente.

En consecuencia, a situación desta semana é semellante á da anterior, con taxas de consultas por gripe na poboación pediátrica elevadas, aínda que descenderon respecto da anterior, e unha maior positividade para o virus de tipo A. A situación que se observa en Galicia en canto á onda de gripe é semellante ao que acontece no conxunto do Estado, cun descenso das taxas de consultas por gripe en todos os grupos de idade, manténdose a poboación infantil como a que presenta a maior taxa.

Sanidade lembra que é recomendable o emprego da máscara aos pacientes con síntomas respiratorios e aos profesionais que os atenden, así como en determinados grupos de risco ou dispositivos asistenciais como poden ser as urxencias hospitalarias.

مقالات ذات صلة

OUTRAS NOVAS