A Xunta dota o Hospital Público Álvaro Cunqueiro dunha nova unidade de hospitalización a domicilio, HADO, para ampliar espazos e persoal.
O conselleiro de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño, visitou hoxe o novo espazo, que supuxo un investimento de 637.563 euros e amplía a superficie dispoñible ata os 300 m2. Tamén o servizo HADO incrementou un equipo máis desde 2024.
Gómez Caamaño estivo acompañado no seu percorrido polas novas instalacións do director xeral de Asistencia Sanitaria do Servizo Galego de Saúde, Alfredo Silva, e polo xerente da área sanitaria de Vigo, Javier Puente, ademais de persoal do servizo de HADO.
Na actualidade, esta unidade está formada por 15 profesionais: 7 facultativos de área e 7 enfermeiras, con 1 supervisor de unidade. Isto supón dispoñer de 7 equipos, un máis desde o pasado ano. Así, o persoal de HADO dá cobertura á poboación de todos os concellos da área sanitaria de Vigo. En 2024 foron atendidos nas súas casas 791 pacientes.
O conselleiro de Sanidade trasladou aos profesionais a aposta da Xunta pola hospitalización a domicilio para pacientes que, polas súas doenzas, necesitan ingreso pero prefiren permanecer no seu domicilio onde os profesionais sanitarios proporcionan os mesmos coidados e atencións que nun ingreso hospitalario convencional. Deste xeito, HADO asiste a pacientes con diversas patoloxías, incluídas as oncolóxicas ou con necesidades de coidados paliativos.
Para avaliar o nivel de satisfacción das persoas usuarias de HADO, a Consellería realizou máis de 1.800 enquisas co resultado de que o 98,03 % cualificou a asistencia recibida como boa, moi boa ou excelente. O 88,7 % referiron que, de poder elixir, optarían por este modelo de asistencia fronte ao convencional.