miércoles, febrero 5, 2025
InicioNewsA terraGalicia rexistra en 2025 o terceiro mes de xaneiro máis cálido dos...

Galicia rexistra en 2025 o terceiro mes de xaneiro máis cálido dos últimos sesenta anos

Galicia rexistrou en 2025 o terceiro mes de xaneiro máis cálido dos últimos sesenta anos, tal e como indica o avance do último informe climatolóxico elaborado por MeteoGalicia.

Segundo os valores rexistrados nas estacións meteorolóxicas máis representativas, a temperatura media o pasado xaneiro foi de 9,8 graos, o que supón un valor 1,8 graos superior ao normal neste período do ano, polo que se considera un mes extremadamente cálido. De feito, trátase do terceiro xaneiro máis cálido desde 1961.

Máis polo miúdo, o valor medio da temperatura máxima foi de 12 graos cun gran contraste entre as comarcas costeiras e as de interior. Así, os valores máis altos rexistráronse na comarca do Salnés -entre 14,3 e 15,2 graos- e os máis baixos -entre 6 e 7,7 graos- nas serra de Queixe e do Eixe.

En canto ás temperaturas mínimas, o valor medio foi de 5,2 graos. Os rexistros máis baixos déronse nas áreas de montaña da provincia de Ourense con valores de entre 0,1 e 1,4 graos mentres que os máis altos, que estiveron comprendidos entre os 8,5 e os 9,9 graos, localizáronse na península do Morrazo.

Polo que respecta ás precipitacións, a chuvia media acumulada durante xaneiro foi de 345 litros por metro cadrado, o que representan un rexistro un 125% superior aos valores climáticos normais nesta época do ano, polo que se pode considerar un mes extremadamente húmido.

Os acumulados máis altos déronse nas serras litorais e, sobre todo, no suroeste da provincia da Coruña, con valores entre os 650 e 850 litros por metro cadrado. A menor cantidade de precipitación, comprendida entre 120 e 160 litros por metro cadrado, rexistrouse no este da provincia de Ourense e no litoral da de Lugo.

مقالات ذات صلة

OUTRAS NOVAS