A Entidade Urbanística de Conservación do Polígono Industrial da Granxa respondeu de inmediato ao requirimento do Concello doando produtos para distribuír entre as familias máis necesitadas do municipio
Os empresarios da Granxa veñen facer unha doazón de produtos ao banco de alimentos municipal SOS Porriño, amosando a súa disposición a traballar da man do Concello para axudar ás persoas que o necesitan.
En concreto son 220 quilos de pasta e 900 litros de leite que se distribuirán entre as familias usuarias do servizo municipal de reparto de alimentos.
O alcalde do Porriño, Alejandro Lorenzo, e o concelleiro de Servizos Sociais, Abel Estévez, reuníronse hoxe co presidente da Entidade Urbanística de Conservación do Polígono de A Granxa, Indalecio Cuevas, e co seu xerente, David Sobral, para agradecer a súa doazón e establecer vías de colaboración entre ambas entidades que repercutan na veciñanza.
O rexedor quixo agradecer a solidariedade dos empresarios xa que “grazas á súa implicación poderemos axudar ás veciñas e veciños que están a pasar unha situación difícil” e destacou “o labor de responsabilidade social que desempeñan de maneira activa e con especial atención ao noso municipio. Unha sinerxía que redunda en beneficio dos porriñeses e porriñesas”.
No mesmo sentido se expresou o concelleiro, que agradeceu “constantes mostras de solidariedade das empresas afincadas no Porriño”.
O presidente dos empresarios, pola súa banda, reafirmou o seu “compromiso coa veciñanza do Porriño e a man tendida dos empresarios do polígono a colaborar co Concello” á vez que agradeceu a boa sintonía e comunicación entre ambas entidades