O BNG vén de presentar unha proposición no Parlamento Galego co fin de demandar á Xunta que asuma as súas responsabilidades en relación aos Conservatorios Municipais de Música.
Así o esixiu a deputada e concelleira ponteareá, Cristina Fernández Davila, quen denunciou que o goberno do PP está «desentendéndose dunha competencia que lle corresponde, forzando aos concellos a asumir uns custos inausmibles para manter estes centros educativos«.
Na actualidade, son 23 os conservatorios municipais que imparten ensinanzas regradas de grao profesional en Galicia. Concretamente, manifestou, «o conservatorio de Ponteareas depende economicamente do concello, a pesar de contar con alumnado procedente de diferentes localidades, xerando desigualdades evidentes con respecto aos conservatorios de titularidade autonómica, situados nas cidades e financiados pola Xunta».
«As taxas nos conservatorios municipais son moito máis elevadas porque os concellos deben cubrir os gastos, sen ningunha axuda da Xunta», sinalou Fernández Davila. Ademais, a falta de acceso ás listaxes de profesorado da Consellaría de Educación dificulta a substitución de docentes, provocando unha perda de clases que prexudica gravemente ao alumnado.
Ante esta situación, o BNG insta ao Goberno galego a asumir a súa competencia en materia de educación musical e integrar os conservatorios municipais na súa rede de centros, así como convocar axudas para os concellos que actualmente sosteñen estes centros, garantindo recursos para persoal, material e infraestrutura.