A Xunta de Galicia facilitará que máis de 800 alumnos de Bacharelato e universitarios aprendan este verán idiomas no estranxeiro. A Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e FP publicou no Diario Oficial de Galicia dúas convocatorias, ás que destina máis de 2,2M€. Enmárcanse no novo Programa Galemundo, para impulsar a internacionalización no ensino. O prazo para solicitar as axudas, en ambos os casos, permanecerá aberto ata o 3 de marzo.
Máis de 7.000 persoas, entre estudantes e docentes, participarán ao longo deste curso en mobilidades noutros países grazas a esta iniciativa. Esta foi dotada con máis de 15M€ e aglutina todas as bolsas do departamento educativo da Xunta de Galicia. Así, facilitarase que alumnos e profesores viaxen a outros países e melloren as súas competencias en linguas estranxeiras.
Estadías en residencias ou con familias
No caso do alumnado de Bacharelato, convócanse 647 prazas para que realicen estadías de tres semanas en réxime residencial ou familiar en Reino Unido, Francia, Portugal, Canadá e Alemaña no período estival, entre xullo e agosto. Os idiomas ofertados, polo tanto, son o inglés, o francés, o alemán e o portugués dos que se dispoñen distinto número de prazas para cada un.
O Goberno galego destina preto de 2M€ a esta actividade. Deste xeito, subvenciónase entre o 92% e o 69% do custo das estancias dos estudantes en Canadá, Reino Unido, Francia, Portugal e Alemaña. Con isto, a Xunta de Galicia sufraga parte dos gastos de contratación dos monitores que acompañan a cada grupo, o mantemento e aloxamento, traslados para actividades, docencia e material escolar, actividades culturais, deportivas e complementarias dos cursos, seguros de accidentes e certificado de realización do curso.
Para obter as bolsas, as persoas interesadas terán que estar cursando, no réxime xeral, 1º ou 2º de Bacharelato, en centros de Galicia sostidos con fondos públicos, durante o curso 2024-2025. Ademais, de ter acadado unha nota mínima, na área ou materia de lingua estranxeira elixida na estadía, de 6 no curso 2023/24. Así como ter superadas todas as materias dese ano académico.
Os criterios para o baremo, puntuación e determinación das achegas familiares serán a nota media do expediente académico no curso 2023/24 (ata dez puntos) e a renda per cápita da unidade familiar (ata 20 puntos). Tamén, tendo en conta o feito de pertencer a unha familia numerosa (dous puntos), contar cun membro cunha discapacidade igual ou superior ao 33% ou pensionista de grande invalidez (dous puntos), ou non ter sido beneficiario dunha axuda destas características na convocatoria do ano pasado (26 puntos). As axudas poderán solicitarse a través da aplicación correspondente.
Alumnado universitario
No caso do alumnado das universidades públicas galegas, haberá ata 168 bolsas para que realicen estadías noutros países durante o verán de 2025. Esta convocatoria que conta cun orzamento de 228.000€. As axudas serán de 1.200€ para estadías realizadas en países de Europa e de 1.500€ para estadías no resto do mundo. O obxectivo é que os estudantes melloren as súas competencias en linguas estranxeiras e a súa cualificación.
Os solicitantes deberán acreditar que van realizar un curso de idiomas presencialmente no período comprendido entre o 1 de xuño e o 31 de agosto cun mínimo de 45 horas lectivas. O idioma que se desexe cursar deberá corresponderse co oficial do país elixido e ser diferente do español. Ademais, deben estar matriculadas no curso 2024/25 como mínimo en 50 créditos (excluídos os recoñecidos, convalidados ou adaptados) de estudos de grao nas universidades públicas galegas. Paralelamente, deben ter superado 60 créditos a data do 30 de setembro de 2024, excluídos tamén, os recoñecidos, convalidados ou adaptados.
Neste caso as solicitudes deberán facerse obrigatoriamente por medios telemáticos a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.